Opinión

O funcionario destemplado

Acordase alguén dos daquela chamados Poderes Fácticos? Moito respecto causaban. A aqueles ós que non lles metían respecto, impúñanlles non pouca preocupación que millor ha ser que non quede cualificada. Desapareceron, millor dito, transformáronse e agora hai outros, pero como son cousa de alta política millor nin os nomeamos. Hai outros, pequenos, si, pero tamén importantes.
Os meus compañeiros do bacharelato, feito no Instituto do Posío de Ourense, becarios os máis de nós todos, comandados case sempre por Pepe Otero, un coronel e un arquitecto que son quen de, onde hai un funeral, armar unha danza, son por eles mesmos uns deses pequenos poderes fácticos empeñados en facer a vida máis grata a aqueles que os rodean ou seguen. Ultimamente ocúpanse de que aqueles rapaces, algúns xa homes feitos, afectados dalgunhas dificultades intelectivas, teñan un traballo no que enterrar o seu ocio e uns soldiños que lles permitan manter a mínima dignidade que todo ser humano merece. Xa temos falado deles; eu son dos que os sigo xa que a distancia me impide rodealos prestándolles a cooperación que se merecen. Escusado está advertir que no seu empeño válense de todo tipo de axudas, maiormente das apartacións de diñeiro público, é dicir, do diñeiro de todos, que lles chega ós rapaces con esas dificultades que se citan a través das institucións. Pra que iso suceda eles móvense. 
Hai uns días, un deles, achegouse ó concello pra ver de axilizar o cobro da pertinente axuda que compense o traballo dos que seguiremos chamando os rapaces e que moitas cousas non saberán facer, pero deixar os parques e xardíns públicos limpiños coma patenas como eles os deixan poucos haberá que o fagan. Ós que noutras áreas xeográficas adoitan ser chamados servidores públicos eiquí demos en chamarlles funcionarios. Mala cousa. Sempre hai algún que se esquece de que o seu traballo consiste, precisamente, en funcionar servindo ó público que aporta o diñeiro co que el chega a fin de mes. O que atendeu ó meu amigo e compañeiro despachouno cun mal xesto e unha cara agrea: "Hoxe non teño un bo día", díxolle e largouno do despacho con caixas destempladas, que é como se batían os tambores militares en caso de acompañar exequias fúnebres. O tal é servidor público, chámase Gonzalo Alonso Álvarez e probablemente non debera estar atendendo á xente senón estar ocupado noutros e tan dignos menesteres, eso si, cobrando digna e puntualmente a fin de mes como calquera outro fillo de veciño. Os rapaces con dificultades intelectivas incluídos.

Te puede interesar