traiñeiras

Contra a lóxica e coa razón

A tripulación de Tirán Pereira, nunha regata da presente tempada.
photo_camera A tripulación de Tirán Pereira, nunha regata da presente tempada.
Tirán afronta en Bermeo e Portugalete o reto de volver á ACT un ano despois do descenso
Volver rápido, pero regresar ben. Tirán Pereira perdeu a pasada tempada a súa praza na Liga ACT despois dunha década na primeira división do remo de traiñeiras e marcou como obxectivo regresar, pero sen esquecer que para facelo debía reconstruír un equipo veterano e crear un proxecto para varios años. Non obstante, doce meses despois disputará o 'play-off' e "a verdade é que non era o obxectivo. Polo menos tan rápido e tentaremos subir, pero sen presión porque a idea era facelo a medio prazo, nuns tres anos", afirma Benjamín Vázquez 'Benji', o adestrador da "Mar do Con" e o único remeiro da tripulación moañesa con experiencia nunha promoción destas características. "Son o único porque renovamos o barco, temos mocidade e pensar en estar a estas alturas con esta posibilidade en xaneiro parecía moi difícil". 
O reto ten dúas paradas. O sábado en Bermeo (18:00) nunha regata de mar aberto coa onda que entra por un lateral. A segunda é o domingo de mañá en Portugalete (12:00), na desembocadura do río Nervión. 
Entre os remeiros con experiencia no barco está Kevin González, que é un deses deportistas nos que se pode reflectir a actualidade do remo galego porque desafía a física e a forza cos seus 69 quilos. "A verdade é que son lixeiro, iso é certo, e nós somos un barco de pouco peso. Non temos os watios de outros barcos, pero é certo que cada ano que pasa parece que existen menos remeiros altos e fortes. Cando sae un pronto o queren fichar o resto de equipos. Non somos unha tripulación lixeira, pero temos as nosas opcións", argumenta.
E estas pasan por facer unha regata perfecta o sábado nun dos campos de regatas con maiores dificultades do calendario e case imposible de adestrar como é o de Bermeo. "Aquí na Ría de Vigo non temos esas condicións e ademais entra moi de lado, polo que aínda que marches a mar aberto faise difícil. É preciso manter a calma e conservar a técnica", afirma o adestrador Benji Vázquez. Pola súa banda, Kevin González amósase positivo e explica que "a nós benefícianos o mar aberto, porque a potencia non serve para tanto, pero sen caer no exceso porque ó ser lixeiro, en condicións máis extremas precisas esa forza para manter a estabilidade da traiñeira. En todo caso, creo que no¡ós iremos mellor en Bermeo que en Portugalete, que é unha proba de ría, máis dura, e onde importa máis a forza pura". 
O remeiro tamén admite que, por este motivo, para nós é moi importante "manter unha remada longa e áxil, que funcione. Se o consegues facer, compensas o non ter tanta forza porque mover moitas pesas no mar non serve se non se aplica ben". Unha cuestión de habilidade da que tentará sacar rendemento Tirán Pereira. De feito, o remeiro engade que o ascenso "para nós sería fantástico porque o ano pasado, ó rematar a liga e chegar as baixas, nin soñabamos poder estar neste 'play-off' e o final entramos". 
O prognóstico preséntase aberto, pero parece que Ares, que gañou a Liga Galega, chega á cita cun punto máis de nivel. Por detrás poden estar ata catro tripulacións moi parellas. San Pedro procede da ACT, algo que dá máis ritmo, pero que tamén adoita pagarse polo desgaste e tanto Zarautz como Deusto Bilbao son traiñeiras solventes, pero sen a veteranía nin as fichaxes dos proxectos vascos que ascenderon en anos anteriores.
Por todo isto, Benji Vázquez explica que "para mín, Ares debería subir. Dos outros, non creo que existan moitas diferenzas entre nós". Esta é a formulación inicial e tamén o que indica a historia, como saben os veciños da Tirán, Samertolaméu de Meira, que a pasada tempada xa quedou sen ascenso por un segundo de marxe despois de dúas regatas e máis de 40 minutos de competición. 
Manter a calma, saber xestionar os erros, que seguro que aparecen, e non volverse tolos coas referencias temporais porque a regata, para evitar diferenzas entre carreiros, dispútase en formato contrarreloxo, son algunhas das chaves que sempre barrallan os técnicos e os remeiros. Kevin González engade que "o sábado é o 70% do 'play-off' tanto polo factor psicolóxico como polas circunstancias do mar, que é en mar aberto e con onda de costado. Os cinco barcos tentaremos estar entre os dous mellores nesta primeira regata". 
Unha das referencias que se adoitan utilizar para o 'play-off' é o resultado dos cinco barcos na regata clasificatoria da Concha, a única proba do ano na que estas traiñeiras comparten competición. Non obstante, os resultados dos últimos anos tamén establecen que esta comparación non é válida ou, directamente, serve para comprobar o que non vai pasar. En 2018 Astillero e Samertolaméu gañaron en Donosti a Lekitarra e o barco vasco endosou 20 segundos en Bermeo ós seus rivais. O curso anterior, a traiñeira moañesa superou a Santurzi e esta tripulación gañou as dúas regatas do 'play-off'.n

Te puede interesar