Imprimir

A cousa é negociar

ALFREDO CONDE |

ALFREDO CONDE | 16 de enero de 2020

Se eu tivera algún amigo na dereita galega, que algún deberame quedar (e queda) e se ese par deles que teño na esquerda mesmamente galega, que os teño, máis agora que xa se pode deducir quen é maleteiro de quen e por que e pra que (se Guerra, don Alfonso, ou se este tan estragado servidor de vostedes) se algún amigo deses me preguntara que facer, agora que xa se pode dar por comezado o período preelectoral galego, faríalle unha reflexión que considero útil precisamente a eses efectos.

Hai uns días descubrín eiquí e de novo a pólvora. Sucedeu cando escribín que en política todo se resume en confrontación inicial, negociación subseguinte e pacto que serene as sempre procelosas augas do océano político no que todos navegamos, todos. Esa confrontación ás veces tráenola a propia historia, pero noutras ocasións hai que inducila, seguindo as regras que conforman a arte da política, e hai que collela polo pelos. A ocasión sempre a pintaron tendente a alopecia, e hai que poñerse a negociar porque, se negocias ben, obtés o beneficio que lle debes non tanto ós teus votantes coma ó teu país ou, se o prefiren, á túa cidadanía, non só ós teus electores. Nese momento comezas a amosarte como un Home de Estado... ou como un gobernante cabal.

Iso xustamente foi o que lle pasou ó BNG grazas ó escano no Congreso que lle concederon os seus votantes, nas pasadas eleccións, e o que confirmou a necesidade do candidato á presidencia do goberno a negociar con eles o voto favorable á súa investidura de xeito que Galicia, non só o BNG, saíu cando menos nun principio beneficiada nunha medida e cunha rapidez que o propio goberno non conseguira en moitos anos de exercicio e cumprimento do seu mandato. O BNG parte agora cunha enorme vantaxe na carreira electoral.

Por iso que lle diría eu, se é que eu son alguén pra lle dar a alguén eses consellos que pra min non teño, que lle diría eu a eses meus amigos militantes nas formacións dos dous grandes partidos de ámbito estatal? Diríalles que, na maior medida das súas posibilidades, incidisen nas direccións galegas dos seus partidos pra determinalas no incremento dos seus compromisos galeguistas se non queren que o BNG lles siga facendo un descosido electoral. O mero feito de facelo redundaría no beneficio da cidadanía galega, tan necesitada de milloras, e o faría sen detrimento do compromiso constitucional que todos temos adquirido e respectamos. E ó BNG diríalles eu algo? Diríalles que aproveiten o tirón e promedien os seus intereses últimos cos colectivos máis próximos e posibles, que sigan actualizando a súa linguaxe política á que os tempos demandan poisque dos grandes pactos xorden as millores realidades. 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección https://www.atlantico.net/opinion/alfredo-conde/a-cousa-e-negociar/20200115202220751978.html


© 2020 Atlántico

© Rías Baixas Comunicación, S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons