AMADEO COBAS Presenta a súa novela “So nin se ri nin se chora”

“Uso un galego dialectal, o galego que dura porque é o que a xente fala”

Amadeo Cobas, xunto á novela que presenta hoxe en Aula D.
photo_camera Amadeo Cobas, xunto á novela que presenta hoxe en Aula D.
  Amadeo Cobas (Noia, 1966) reside en Vigo, onde traballa e onde este serán, ás 20:30 horas, presentará a súa última novela, publicada pola editoral Elvira, “So nin se ri nin se chora”, na que recupera a súa terra natal como localización. O acto, en Aula D (Elduayen, 36- 1º), terá lugar cun aforo reducido, reservando en [email protected]. Para todos os que non poidan asistir, Cobas falou da súa proposta.

A saga familiar dos Besbello protagoniza esta novela. Ten algún referente real?
Os escritores sempre usamos unha parte autobiográfica ou baseámonos na xente do noso redor. Hai moitas anécdotas reais. O fundamental é darlle vida e enriquecer o que aconteceu.
Comparte terra de orixe, Noia, cos seus personaxes. Algunha débeda literaria?
Noia xa ten un cronista destacado, Xerardo Agrafoxo, así como escritores extraordinarios dende Avilés de Taramancos ou Agustín Agra, pero non A Chaínza. É un barrio pertencen o Obre, onde está a miña casa natal e onde vivín a miña nenez e mocidade. Sitúo aí a novela, porque falo do que coñezo. Residín en varios pobos mariñeiros e quixen reflectir como son, a súa fala e o ambiente tan familiar.
De aí que preferise non escribir en normativo?
Hai gheada e seseo, ao xeito de falar nesta localidade. Breixo (o patriarca dos Besbello) non sería crible en normativo. Uso un galego dialectal, pero fermoso, o galego que dura porque é o que a xente fala, o que eu utilizo cando vou cos meus amigos.
Mais tamén é unha historia dunha familia.
Realmente é a historia dunha decadencia. Trata dunha familia que vai a menos, contada en primeira persoa na voz dunha muller, algo que supuxo un reto para min, pero que achega máis aos personaxes. É unha rapaza que sinte adoración polo seu avó e disculpa tódalas súas falcatruadas, que non foron poucas e fixeron sufrir a súa avoa. Quéreo e tanta sacar ferro aos seus actos.
É unha sociedade en extinción?
Desaparece porque como din coas empresas familiares, a primeira xeración levántaa, a segunda mantena e a terceira bótao todo a perder. Aquí é algo semellante.

Te puede interesar