A reinvención da experiencia turística

Os participantes da quinta aceleradora do sector turístico da Deputación, Demoday, posaron onte coa presidenta, Carmela Silva e a deputada, Ana Laura Iglesias, trala posta en común.
photo_camera Os participantes da quinta aceleradora do sector turístico da Deputación, Demoday, posaron onte coa presidenta, Carmela Silva e a deputada, Ana Laura Iglesias, trala posta en común.
Demoday, a quinta aceleradora de empresas do sector promovida pola Deputación, ven de finalizar con sete proxectos innovadores en Vigo, Cangas, Baiona, A Estrada e Ponteareas

Alecrín de Ana Vázquez e Meet Rural de Lucía Prado e Sandra Fontinha resultaron gañadoras da quinta aceleradora da Deputación para o sector turístico, Demoday. Alecrín consiste na oferta de roteiros en destino autoguiados, onde as persoas usuarias poden valorar o patrimonio natural, arquitectónico ou inmaterial da provincia. Pola súa banda, Meet Rural trátase dunha plataforma de encontro para os municipios rurais do sur de Galicia e norte de Portugal, onde están representados tanto os concellos como os negocios e persoas traballadoras. 

 

 

Xunto a estas iniciativas, tamén participaron o espazo de lecer Gallery Selfie, de César Antonio Bugallo; o aloxamento Acíes Apartamentos, de Vanesa González; a xestoría de alugueiros vacacionais, Mi casa de vacaciones, de Sandra Lourido; o turismo rural coa actividade agrícola como demanda en Maruxío, de María Rivas; xestoría que garante establecementos que  cumpran os requisitos esixidos, Adega Travel, de Jana Kadlecova e Cristian Lago, cunha iniciativa para mellorar a oferta turística e de lecer da contorna de Tui. 

Representantes destes proxectos puxeron onte en común os logros obtidos e os retos cos que saíron da aceleradora. Nun encontro, que tivo lugar na sala Rosalía da sede viguesa de Deputación, explicaron as súas propostas para reinventar a experiencia turística, modernizando o sector.

Amais amosáronse proxectos empresariais centrados na prestación de solucións tecnolóxicas aplicables ao sector turístico como  Roommatik, de Cristina García, que ofrece dispositivos de check-in que fan posible unha recepción automática; Troulanda, de Leticia Pérez e Patricia Pérez, que permite coñecer as festas en Galicia e o norte de Portugal; Arzudeza, de Manuel Núñez e Gonzalo Núñez, que brinda servizos de deseños online; Capptus, de María Soliño, app turística e a asesora Kame, de Alberto Pájaro.

“O sector turístico de hoxe nada ten que ver co de fai oito anos", apuntou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que engadiu que “a sociedade ten avanzado e as persoas que nos veñen visitar demandan un modelo diferente, queren participar, ter experiencias e emocións, e preparan as súas viaxes empregando solucións tecnolóxicas”. 

Silva aproveitou a ocasión para felicitar ao sector turístico da provincia “que está a ser capaz de converterse no máis innovador de Galicia e de todo o Estado”. Tamén subliñou a presenza de “tantas mulleres con novos proxectos”.

Te puede interesar