Podemos e Marea chaman a recuperar o galego no Concello

O candidato de Podemos-Marea Rubén Pérez (segundo pola esquerda) na manifestación en defensa do uso do galego. // Vicente Alonso
photo_camera O candidato de Podemos-Marea Rubén Pérez (segundo pola esquerda) na manifestación en defensa do uso do galego. // Vicente Alonso
A coalición de esquerdas chama a recuperar o plan de normalización lingüística derrogado polo Partido Popular

A coalición de Podemos e Marea de Vigo uniuse onte á celebración do Día das Letras Galegas cunha mensaxe reivindicativa na que chaman a “defender a nosa lingua e o seu uso normalizado en todos os eidos, tamén na administración municipal, que está obrigada a potenciar a extensión e o uso normalizado do galego”. 

Así, califican de tarefa “prioritaria e irrenunciable” a difusión e normalización da lingua galega na Administración Pública Municipal, a capacitación lingüística do persoal que traballa no Concello de Vigo, e a súa difusión e promoción. 

Podemos e Marea propoñen “defender o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega derrogado polo PP para favorecer o uso e protección do galego, desde o respecto á diversidade cultural viva na nosa cidade pero consciente de que formamos parte dunha cultura e identidade singular que enriquece a todo o mundo”.

Esta coalición defende que “a normalización lingüística é un proceso social que procura a xustiza no ámbito sociolingüístico para que os galegos poidamos manter a visión do mundo desde a óptica que só nos pode dar a lingua propia do noso territorio”, e chaman á responsabilidade de todos a "contribuír deste xeito a manter a diversidade e a riqueza lingüística e cultural do mundo para que poidamos manter esas visións e chamarlles ás cousas cos nomes xenuínos que aquí lles deron.

Por iso afirman que todas as administracións, e nomeadamente o Concello de Vigo, “teñen o deber legal de apoiar e promover ese proceso”.

Te puede interesar