LEDICIA COSTAS Escritora, presenta unha nova entrega dos “Minimortos”

“De nena o meu contacto coa morte foi nos libros, penso que se infravalora a mirada infantil”

Ledicia Costas sacará este ano catro libros da colección dos Minimortos.
photo_camera Ledicia Costas sacará este ano catro libros da colección dos Minimortos.

nnn  Á espera da segunda parte de “Infamia”, os seguidores de Ledicia Costas poden facer tempo cos primeiros números da colección “Minimortos”, de Xerais para nenos a partir de 8 anos. Ven de chegar ás librarías a segunda entrega, “Criando malvas”, que por primeira vez faino de xeito simultáneo na súa versión ao castelán publicada por Alfaguara. Son pequenas pilulas literarias cheas de humor, fantasía e tenrura onde os protagonistas son nenos mortos que agardan nalgures a chegada dos pais, aínda vivos. A autora debullou estas historias aos lectores de Atlántico.

Cal é a fórmula para tratar un tema tan duro como a morte infantil con tanta naturalidade?
Gústame falar coa rapazallada de cousas importantes. Non sabemos xestionar o tema da morte, nin preparar aos nenos para ela. Con Escarlatina decateime de que se lles pode falar deste tema de xeito divertido, descubrirlles todo un mundo para os nenos máis pequenos.
E agora faino por entregas, das que xa temos o segundo título, “Criando malvas”.
Os Minimortos son as historias convertidas nunha serie. Tiña gana de facer unha colección onde poder desenvolver todo o meu universo. Propúxenllo a Xerais e coma sempre recibiron a idea cos brazos abertos, amais grazas a Alfagura, permíteme que dende a miña lingua, que é o galego, poida chegar a máis alá. 
Percorre os colexios para falar cos nenos dos libros. Que lle din?
Captan perfectamente a historia e métense na miña fantasía. Acolleron cos brazos abertos “Outro barrio”, o primeiro título dos Minimortos. Penso que se infravalora a mirada infantil e dame moita rabia. Eu respecto moito aos nenos e para min é importante o que pensan. Consigo conectar coa súa mirada.
Na literatura infantil a ilustración é moi importante. Neste caso a encargada de dar imaxe aos minimortos foi Mar Villar. Como foi o traballo conxunto?
Foi un diálogo constante, moi enriquecedor. Aínda que me vexo incapaz de debuxar, son unha gran amante do mundo da ilustración. Dende a idea inicial houbo moitas aportacións brillantes de Mar. Foi unha viaxe de aprendizaxe.
Unha das protagonistas, Pochiña, leva máscara. A pegada do coronavirus tamén chegou aos minimortos?
É moi pronto para escribir sobre o coronavirus, estou saturada, pero Mar púxolle unha máscara e debuxouna a esbirrar, é un xeito moi sutil e con humor de tratar a pandemia que os nenos van recoñecer.
Cal era a súa relación coa morte na súa nenez?
O meu contacto coa morte foi a través dos libros. Gustábanme as historias góticas e de fantasmas. Supoño que por esa razón escribo este tipo de libros. A literatura abre os ollos.n

Te puede interesar