vigo

Unha chatarrería que busca consolidarse no sector

Vanesa Martínez Boente xunto ao xerente da empresa, Manuel Martínez Souto.
photo_camera Vanesa Martínez Boente xunto ao xerente da empresa, Manuel Martínez Souto.
Empresas da xestión de residuos como Import-Export Martínez Souto viviron un imporante crecemento nas últimas décadas
nnn A empresa Import-Export Martínez Souto leva máis de vinte anos no sector da recuperación de metais e chatarra, o cal viviu unha grande transformación e un importante crecemento durante as últimas décadas ante a maior preocupación social polo coidado do medioambiente.
“A xestión de residuos é básica. Vivimos nunha sociedade de consumo absoluto, as veces ata o absurdo, xeramos máis residuos dos que podemos asumir, e ao final resulta fundamental valorizalos. Todo o que consumimos debería ter unha saída”, sinala Vanesa Martínez Boente, responsable do departamento de administración da empresa.
A día de hoxe valórase moito máis a necesidade de darlle unha segunda vida aos materiais. “A sostibilidade é un obxectivo da sociedade e das administracións, a extracción mineira ten un límite e o esgotamento dos recursos materiais identifícase claramente”, apunta Boente. Este sector está máis valorado porque permite alongar a vida útil dos materiais e garantir a sostibilidade da economía e do medioambiente, “pero á hora da verdade estanse poñendo moitas trabas burocráticas”. Os requerimentos medioambientais que traen consigo tanto as novas normativas europeas como as dos gobernos estatais e autonómicos supuxeron unha transformación do sector.
Boente asegura que agora as empresas teñen que contar con máis infraestructuras e recursos financeiros e con máis persoal. “As chatarrerías que existían fai 25 anos, que eran un pouco de subsistencia, a día de hoxe non poden sobrevivir. A contrapartida destas normativas é que están desaparecendo os pequenos negocios, téndese a que se formen grandes grupos empresariais e as desigualdades do sector están aumentando”, afirma.
Empresas como Import-Export Martínez Souto encárganse de recibir e recoller todo tipo de residuos metálicos sobre os que realizan unha clasificación primaria, coa que se busca separar os metais segundo a súa natureza. “Nós somos o primeiro paso neste proceso de reciclado, na maioría dos casos o destino final é a fundición”, indica Boente.
O traballo realizado por estas empresas segue a ser moi manual. “Os traballadores teñen que ser capaces de distinguir todos estes materiais a ollo e levar a cabo tarefas moi diferentes”, sinala a responsable do departamento de administración de Import-Export Martínez Souto.
Como servizo esencial, estas empresas traballaron sen pausa dende o inicio da pandemia. “Non fomos dos sectores máis afectados porque sempre hai residuos, notouse que a economía non funcionou ao mesmo ritmo, pero tras a reapertura voltamos a traballar con moita forza”, indica Boente. n

Te puede interesar