Vigo

700.000 euros para proxectos de aeronáutica e análise de datos

Os investigadores do proxecto Aidfork, no vetíbulo da Escola de Telecomunicacións da UVigo.
photo_camera Os investigadores do proxecto Aidfork, no vetíbulo da Escola de Telecomunicacións da UVigo.

RadioUAV e Aidfork foron seleccionados de entre case 50 solicitantes do programa Ignicia

Un proxecto spin-off que desenvolve sistemas para a medida e inspección non destrutiva, baseados en sensores de radiofrecuencia embarcados en vehículos aéreos non tripulados (RadioUAV) e outro centrado no desenvolvemento de dúas tecnoloxías para levar a cabo análises forenses de imaxes e vídeos e determinar a súa autenticidade (Aidfork), recibirán máis de 700.000 euros na segunda convocatoria do programa Ignicia da Consellería de Economía. 
Os proxectos desenvolvidos por investigadoras e investigadores do centro atlantTIC da Universidade de Vigo foron seleccionados xunto a outras cinco iniciativas das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Compostela, de entre un total de 48 solicitantes, que concorreron á segunda edición do programa Ignicia, que reparte un total de 2,6 millóns de euros, a cambio dos que o executivo autonómico se garante o 30 por centro dos ingresos futuros que acaden estes proxectos de investigación.

os Proxectos
“A selección de RadioUAV, Drones para aplicacións máis alá do visible, no programa Ignicia supón un pulo moi importante. Xunto cos nosos colegas da Universidad de Oviedo levamos traballando moitos anos na parte tecnolóxica, pero non tiñamos un enfoque claro de mercado e este programa dános o enfoque correcto para levar definitivamente o noso traballo ao tecido industrial”, explica Borja González, investigador principal do proxecto RadioUAV, que completan Yolanda Rodríguez, Alfonso Fernández, José Vázquez e Antonio García Pino.
 Pola súa banda, o catedrático e investigador principal de Aidfork, Fernando Pérez, afirma que “víamos o programa Ignicia como unha magnífica oportunidade para valorizar os resultados da nosa investigación. Para nós supón unha oportunidade de contribuír ao progreso social e demostrar que a tecnoloxía que pode saír dos laboratorios de atlantTIC é competitiva mundialmente”. O equipo de investigadores de Aifork, Lifting and Transferring and Analytic Media Forensic Kit, complétano Pedro Comesaña, David Vázquez, Miguel Maciopinto, Alberto Pedrouzo e Vlad-Dragos Darau.
 A tecnoloxía desenvolvida polos investigadores do proxecto RadioUAV recibirá 394.200 euros do programa Ignicia. Pola súa banda, o proxecto Aidfork percibirá 336.060 euros.

Te puede interesar