UNIVERSIDAD

As universidades darán 6 graos co 80% da docencia en galego

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística reuniuse onte no Campus de Vigo.
photo_camera A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística reuniuse onte no Campus de Vigo.

Por primeira vez na historia Vigo implantaría tres titulacións, Santiago dous e Coruña unha

n n n Os graos en Comunicación Audiovisual, Educación Infantil e Educación Primaria que se imparten na Universidade de Vigo; o Grao en Xornalismo e o Grao en Educación Social da Universidade de Santiago e o Grao en Educación Social da Universidade de A Coruña poderán impartirse cun 80% da docencia en galego a partir do vindeiro curso 2019-2020. Nun acordo cualificado de “histórico” polos seus membros, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística acordou onte trasladar á Secretaría Xeral de Universidades, para a súa aprobación e execución o vindeiro curso, unha proposta conxunta das tres universidades do sistema galego para a implantación en tres graos da Universidade de Vigo, dous de Santiago e un de A Coruña do 80% da docencia en lingua galega. “É algo histórico no SUG que haxa unha planificación, unha dotación orzamentaria e unha execución desta parte do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2016-2021”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que lembrou que se trata dunha medida recollida no documento financeiro, pero que estaba sen aplicar. Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, manifestou a súa satisfacción por que a institución fose quen, despois de manter encontros con todas e todos os responsables do centros, de presentar tres graos para que se imparta o 80% da docencia en galego. “Traballamos con todos os centros, pero algúns non eran capaces nun prazo tan breve como o que tivemos, de acadar o 80% da docencia en lingua galega, pero estamos moi satisfeitos de presentar tres graos, que esperamos que en anos sucesivos vaian medrando”, sinalou o reitor vigués.
A proposta da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística será trasladada agora á Secretaría Xeral de Universidades “e todo apunta a que solucionadas algunhas cuestións burocráticas ou administrativas, que teñen que ver coa xuntanza da vindeira comisión de seguimento do Plan de Financiamento das universidades, poda executarse esta previsión para o vindeiro curso”, explicou o secretario xeral de Política Lingüística. García, tamén destacou que con esta medida, ademais de buscar a formación en galego, tamén “se procura a rendibilidade que esta medida pode ter á hora de buscar esa segunda socializacion da mocidade, mozas e mozos que falan pouco e non falan galego, para que o incorporen á súa formación pero tamén a outros labores, porque as universidades non só son institucións de formación, senón que tamén preparan actitudes e crean espazos de uso común da lingua galega da xente nova”, sinalou.n
 

Te puede interesar