Os traductores outorgan o Premio Xela Arias a 'Viceversa'
A asociación profesional Agpti distingue á revista editada pola UVigo e coordinada polos docentes de Filoloxía e Tradución, Alberto Álvarez Lugrís e Ana Luna Alonso
A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (Agpti) destacou a dous docentes da Universidade de Vigo, Alberto Álvarez Lugrís e Ana Luna Alonso, pola contribución realizada dentro do seu ámbito. Así, coincidindo co Día Internacional da Tradución, a asociación anunciou como gañador da cuarta edición do premio Xela Arias a “Viceversa”, revista galega de tradución, editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e coordinada por estos dous profesores da Facultade de Filoloxía e Tradución.
“AGPTI quere recoñecer a traxectoria desta revista académica e o traballo que ten feito dende 1995 en relación coa teoría da tradución e da interpretación á nosa lingua”, apuntan dende a agrupación. Valoran o seu labor de “presentar en lingua galega os mellores traballos que sobre estes temas se produzan noutras linguas” e “informar sobre a actualidade da tradución e da interpretación en Galicia e no mundo”. Dentro da revista podemos atopar artigos sobre teoría e historia da tradución e da interpretación, ferramentas e formación, traducións xustificadas, críticas e recensións e diversas informacións. Ao longo de 21 números, publicáronse nesta revista máis de 400 traballos.
A revista, fundada no ano 1995 de xeito conxunto pola Asociación Galega de Tradutores Galegos (ATG) e o Departamento de Filoloxía galega e latina da Universidade de Vigo, publicouse ininterrompidamente dende 1995 até o ano 2014, con volumes anuais ou bienais. Despois dunha longa parada, neste 2021 por fin saíu do prelo o número 21. Todos os números da revista están dixitalizados e pódense consultar na web de “Viceversa”.
Amais, compre salientar que a propia Xela Arias, tradutora e escritora a quen homenaxeamos con este premio, estivo implicada neste proxecto editorial. “Este premio alédanos por varios motivos, porque leva o nome de quen foi membro do Consello de redacción da revista ata o seu pasamento no ano 2003, porque neste ano o Día das letras galegas celebra a creación poética e tradutora de Xela Arias e porque nos próximos días sairá do prelo un libro coordinado por ‘Viceversa’ con estudos sobre as traducións de Xela Arias”, indicaron os galardonados en declaracións ao Duvi.
Contenido patrocinado
También te puede interesar