Educación
Academia de primeros auxilios en Teis
A ciencia volve tomar as rúas de Vigo coa celebración da G-Night. A programación deste ano inclúe diferentes actividades de balde espalladas pola cidade que se desenvolverán o vindeiro 29 de setembro baixo o lema ‘Conciencias Creativas’.
A Noite Galega das Persoas investigadoras chega a súa terceira edición co mesmo obxectivo: dar a coñecer o traballo dos investigadores da UVigo. Ademais, antes desta cita, científicos e científicas da Universidade de Vigo están visitando centros escolares e institutos de Vigo, Pontevedra e Ourense para mostrar o seu labor entre a mocidade no marco da iniciativa 'Researchers at schools'.
O Berbés repite como epicentro da G-Night en Vigo. O edificio Redeiras, sede institucional da UVigo, acollerá a expo-feira, que estará aberta ao público entre as 17.00 e as 21.00 horas e contará con 19 postos científicos de temáticas diversas.
Ademais, haberá un espectáculo de danza titulado 'Medo azul: cambio climático e incerteza na xente do mar', do grupo Future Oceans Lab (CIM). Tamén terán lugar, no primeiro andar do edificio, dous obradoiros. 'Extractos de algas e cosmética' a cargo do grupo Biodesost do CINBIO mostrará cremas cosméticas ás que se incorporaron extractos de algas pardas e vermellas obtidos nos laboratorios da universidade. Para participar en 'Os textos antigos tamén falan sobre a vulnerabilidade' do grupo GEAAT cómpre inscribirse previamente. Neste obradoiro practicaranse tres escrituras da antigüidade: xeroglífica, micénica e latina.
O edificio Redeiras tamén acollerá desde as 18.15 horas tres conferencias sobre a desigual distribución de custos do cambio climático, a intelixencia artificial e os fenómenos climáticos extremos. Ademais, entre as 20.00 e as 20.45 horas o público poderá asistir a unha charla do CITMaga, na que o investigador Carlos Meniño Cotón ofrecerá un relatorio titulado 'Matemáticas para a ciencia e a vida: topoloxía, datos e os segredos de Pompeia'.
Na aula 2 de Redeiras proxectaranse algúnscapítulos da miniserie documental 'Desafíos do Océano: científicas ao mando', que forma parte dun proxecto do Campus do Mar liderado pola UVigo. Tamén se proxectará o documental 'Xakexi Xjuani: La memoria de una lengua', de Mauricio Sereno, así como varios episodios de 'La Universidad responde', unha serie de pílulas audiovisuais nas que persoal investigador da UVigo ofrece solucións a preguntas frecuentes desde unha perspectiva científica.
A programación da G-Night en Vigo inclúe tamén tres paseos científicos pola Ría a bordo da embarcación Inndaga do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. Nesta actividade, para a que é necesario rexistrarse, unha ducia de persoas poderá coñecer as técnicas de mostraxe de sedimentos e caracterización de propiedades físicas da auga e do fondo mariño que emprega o persoal investigador do CIM. Os paseos duran unha hora e comezarán ás 15.00 horas, con saída desde o porto de Vigo.
Completan as actividades desta edición as charlas no marco de 'Ciencia no Bar', que se realizarán no café Vitruvia. A entrada é libre ata completar o aforo, limitado a 40 persoas.
Entre as 21.00 e as 22.00 horas desenvolveranse dúas charlas, dirixidas especialmente a público adulto. Diana Valverde (CINBIO) e Paloma Morán (CIM), abordarán o impacto do sexo e o xénero sobre as enfermidades e Ana Larrañaga (Cintecx) falará sobre a ciencia de datos e o seu verdadeiro propósito.
A coordinación desta iniciativa en Galicia correspóndelle á Universidade de Vigo, que lidera un consorcio formado por unha ducia de socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e organismos de investigación galegos. O evento desenvólvese simultaneamente en preto de 400 cidades europeas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Conflicto en Oriente Próximo
Muere un soldado francés en un ataque contra una base en el norte de Irak
Conflicto en Oriente Próximo
La ONU condena los ataques de Irán a sus vecinos del Golfo