"O tecido produtivo de Galicia caracterízase pola excelencia"

David Sobral (e.), José Antonio Rodríguez (c.) e Heriberto García (d.)  falaron sobre a situación dos polígonos industriais.
photo_camera David Sobral (e.), José Antonio Rodríguez (c.) e Heriberto García (d.) falaron sobre a situación dos polígonos industriais.
O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo falou en Telemiño xunto a José Antonio Rodríguez, presidente da Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao, e David Sobral, secretario xeral de Fegape, sobre a situación do solo empresarial da comunidade e dos proxectos que poidan proximamente satisfacer as necesidades que teñen os polígonos industriais

Cal é o ámbito de acción do Instituto Galego de Vivenda e Solo?

Heriberto García: É o organismo da Xunta de Galicia que ten as competencias en planificación e desenvolvemento do solo empresarial na comunidade. O que estamos a facer, a través do propio instituto e dende unha sociedade mercantil pública como é Xestur Galicia, é planificar os desenvolvementos das áreas empresariais na comunidade, impulsar o seu desenvolvemento se non se promove pola Xunta e, se a Xunta o promove, executar esas accións. Nestes momentos, estamos desenvolvendo na comunidade actuacións que superan os 6,5 millóns de metros cadrados para facilitar a implantación de novas actividades empresariais, traballando da man coas diferentes asociacións de empresarios como con asociacións como Fegape. 

Creo que é importante marcar un fito que conseguimos o ano pasado como a aprobación dunha lei propia de desenvolvemento de actividades empresariais, que permite flexibilizar tódalas fases de execución empresariais.

Este ano increméntanse os orzamentos para o Instituto.

H.G: Efectivamente, incluíndo os de Xestur, increméntanse en máis dun 26% con relación ao ano pasado. Teremos un orzamento de preto de 215 millóns de euros para desenvolver actividades tanto de vivenda como de solo empresarial. No referente ao solo empresarial, imos destinar 40,5 millóns de euros para desenvolvementos que permitan incrementar a capacidade de implantación no territorio en máis de seis millóns de metros cadrados. É importante desenvolver máis solo e poñelo en mans dos empresarios a uns prezos competitivos, polo que imos continuar coas bonificacións de solo empresarial, que acadan ata o 40% do prezo de custo do solo. No  caso de Ourense, as bonificacións do 50% no prezo de venta permitiu que dende o 2015 se adxudicaran máis de tres millóns de metros cadrados e se bonificaran 90 millóns de euros no prezo, que dalgunha forma son axudas a implantación dos proxectos. Queremos seguir nesa liña co apoio e transparencia dos empresarios, traballando da man deles e planificando as novas actuacións. 

Como anda de saúde o Polígono?

José Antonio Rodríguez: Goza de moi boa saúde. Estamos inmersos nun montón de proxectos dentro do propio Polígono, de feito o Polígono tamén traballou con Fegape dunha forma intensa na lei de parques empresariais. Temos que recoñecer que a Xunta axilizou tódolos trámites dentro dunha folla de ruta para os polígonos que terá como consecuencia que os que sexan de nova asignación terán unha nova lexislación que lles permite saber a onde encamiñarse.  

Esa lei era necesaria?

J.A.R: Si. É unha lei pioneira en Galicia e era necesaria porque os polígonos non se rexían todos polas mesmas normas e así temos unha folla de ruta que nos permite a todos saber por onde temos que ir. 

Os distintos parques demandaban esa nova norma?

David Sobral: Si, era unha inquedanza común dos parques. Nas súas diferentes formas, temos na federación comunidades de propietarios, entidades urbanísticas de conservación, asociacións de empresarios e todas tiñan en común esa necesidade de que houbese unha lexislación propia que marcase unha folla de ruta do que é a vida do Polígono. Esta nova lei pon o foco tamén na modernización dos parques empresariais, os cales teñen novas necesidades a medida que hai avances tecnolóxicos e, ademais, para fomentar a colaboración público-privada créase unha nova figura que defendemos como son as entidades de conservación, xestión e modernización. 

No caso do Polígono de San Cibrao, valoran crear agora esta entidade?

D.S: É un instrumento que está á disposición dos empresarios e pódese optar por esa vía. É unha opción, non quere dicir que teña que estenderse dun xeito masivo porque en Galicia temos 313 concellos e son moitas as realidades, pero hai casos nos que esa colaboración público-privada, que no ámbito da administración local está moi estendido en áreas como deporte ou educación, non hai esa colaboración entre o concello titular do parque empresarial e a asociación de empresarios que vive máis de cerca o día a día a realidade do polígono. Esta nova lei marca un camiño que poden percorrer xuntos empresarios e administracións titulares dos polígonos industriais para mellorar a conservación, o mantemento e a modernización porque os polígonos son espazos cheos de vida que precisan unha actualización constante para ver que servizos se prestan e con que infraestruturas conta para que as empresas melloren constantemente a súa competitividade. 

Era obrigado abrir unha liña de diálogo cos polígonos para elaborar esta norma?

H.G: Efectivamente, aínda que os contactos non xorden coa lei, loxicamente viñámolos tendo cos diferentes socios de empresarios dende tempo atrás. Pretendemos que tódalas políticas en materias de solo industrial vaian da man dos que son os demandantes e xeran as actividades industriais nesa zona e, polo tanto, traballamos con eles dende hai anos. A lei permite tamén flexibilizar a execución das áreas empresariais, un tema de especial relevancia que nos pedían os empresarios. 

O Polígono de San Cibrao necesita medrar.

J.A.R: Si, o Polígono necesita medrar, xa que temos un 95% das parcelas vendidas, quédanos algunha pero de moi pequeno tamaño, por iso é moi importante esa ampliación. O Polígono necesitamos que se vaia actualizando a vida, pero é moi importante esa ampliación para traer máis empresas aquí.

Están garantidos os novos servizos para as empresas que decidan implantarse no Polígono?

J.A.R: Estamos traballando en varios proxectos para poder darlle as infraestruturas necesarias as empresas. Agora mesmo a prioridade é a ampliación do Polígono, pero necesitamos proximamente esa continuidade da conexión coa A-52, que conecte coa Cidade do Transporte para que os vehículos que van dende a Ribeira Sacra ou Pereiro de Aguiar vaian directamente á autovía sen necesidade de pasar pola rúa principal do Polígono, o que permitiría baixar a intensidade do tráfico nesa rúa.

Xa houbo un anuncio da Xunta de que teremos un aparcamento para camións, é unha necesidade de tódalas áreas empresariais?

D.S: Si, porque a actividade loxística colle cada vez unha maior relevancia e, de feito, esta necesidade que hai no Polígono de San Cibrao é común por exemplo na área de Vigo, onde os empresarios reclaman que se promova tamén unha Cidade do Transporte. Ademais, hai unhas normativas a nivel europeo que esixen prestar unha serie de servizos ao sector do transporte, é dicir, poñemos o foco nas fábricas, pero as mercancías que van e veñen son levadas por unhas empresas que teñen unhas necesidades. Temos que felicitar a San Cibrao por conseguir que sexa unha realidade a Cidade do Transporte, que ao final é unha plataforma loxística que afecta de forma substancial a tódolos sectores produtivos. 

O comercio “online” está crecendo e, polo tanto, a capilaridade das redes de transporte é maior, polo que convén no conxunto de Galicia avanzar na medida do posible dotar destas infraestruturas tan necesarias o noso tecido produtivo.

O aparcamento para camións que se fará  na Cidade do Transporte será o modelo a imitar no resto de áreas?

H.G: En San Cibrao xa tiñamos no seu momento unha delimitación que tiña esa finalidade de Cidade do Transporte. Vimos traballando dende hai tempo coa finalidade de facilitar a localización nesa zona que estaba prevista inicialmente para aparcamento, modificouse o proxecto sectorial para facer as adaptacións urbanísticas necesarias para darlle viabilidade a implantación aí. A Xunta está intentando dar cabida a esas localizacións de aparcamentos de camións, xa sexa dentro das áreas empresariais ou en ámbitos específicos, a Xunta xa ten outras cidades do transporte localizadas. 

Sobre a necesidade de ampliar o Polígono de San Cibrao, a Xunta vén traballando dende hai anos e están planificadas tres ampliacións que conformarán o que se chamará a gran área industrial de Ourense. Prevese un incremento de practicamente 1,6 millóns de metros cadrados.

Un dos proxectos polo que máis leva pelexando o Polígono de San Cibrao é esa estación de mercancías, en que momento estamos?

J.A.R: É algo que non rematamos de entender porque o que pedimos é moi sinxelo: o estudo da viabilidade do proxecto. Nós presentamos un anteproxecto porque non imos de palabra, imos con documentos porque a estación de mercancías é esencial. O que pedimos ao Goberno é ese estudo de viabilidade, aínda que ata agora non encontramos reciprocidade neste tema. Xunto co aparcamento de camións, iría moi preto a estación de mercancías co cal todo tería un sentido. Seguiremos loitando porque é moi importante para o Polígono. 

Europa quere unha descarbonización, polo que o tren sería o vehículo que pode mover as mercancías. Nese sentido, temos a última vía que se construíu que en canto entre en funcionamento a variante norte quedaría libre dende Ourense para saír ata a meseta. As pendentes e o radio de xiro do trazado son suaves, xa que se realizou hai pouco. 

Un dos apoios máis importante é o da Xunta.
H.G: Efectivamente, amosámolo publicamente e cos escritos que mandamos ao Ministerio. É un proxecto que naceu xa co propio deseño do Polígono, é dicir, na continuación da Cidade do Transporte hai unha reserva para a plataforma de intermodalidade, coa posibilidade de que o espazo poida ser ampliado. Este espazo está reservado para que poida establecerse a plataforma de mercancías que lle daría ese empuxe definitivo de intermodalidade a toda a área industrial que neste momento é fundamental polas condicións medioambientais

As zonas industriais téñense que adaptar ás novas políticas medioambientais, están a facelo en Galicia?

D.S: Eu diría que o tecido produtivo galego caracterízase neste ámbito pola súa excelencia, por ir máis aló do que establece a lexislación. Vemos as certificacións de medioambiente que teñen as empresas, que apostan decididamente pola sustentabilidade. Neste ámbito, nos últimos anos o tema enerxético cobra cada vez máis importancia, hai unha enorme sensibilidade no empresariado galego por apostar polas enerxías renovables, de feito, estamos vivindo unha eclosión arredor da enerxía fotovoltaica. Hai que ter en conta que canto máis sustentabilidade, máis competitividade e mellor rendibilidade das actividades.

Como está o proxecto da depuradora do Polígono?

J.A.R: Necesitamos a reforma da depuradora porque, se non, perderanse fondos europeos que estaban consignados para este proxecto. Dende a asociación xa mandamos cartas a Madrid e a tódolos sitios para axilizar o cumprimento da normativa, pero hai moito que o prazo xa pasou. 

O Barbaña sofre as consecuencias de que non haxa unha depuradora que asuma o volume que ten o Polígono.

J.A.R: Agora cando chegan as trombas de auga veñen moi fortes, co cal necesitamos unha depuradora que conteña esa cantidade de entrada de auga durante esas dúas horas. A que temos agora, que xa ten 20 anos, non cumpre esa demanda.

Te puede interesar