O operativo contra lumes comeza o seu despregue

Bombeiros forestais, onte, durante os traballos no incendio de Crecente (Pontevedra).
photo_camera Bombeiros forestais, onte, durante os traballos no incendio de Crecente (Pontevedra).
Uns mil efectivos do SPIF incorpóranse esta semana ao dispositivo

O persoal laboral do Servizo de Prevención e defensa contra Incendios Forestais (SPIF), case un milleiro de profesionais, comezou onte o seu despregue por un período de 7 meses. Este continxente súmase ao resto do operativo autonómico. 

O operativo estará formado esta campaña por uns 3.000 porofesionais, segundo informa a Xunta. Este persoal laboral do SPIF, que viña traballando 6 meses ao ano, a partir de agora e de xeito progresivo, irá incrementando os seus contratos até os 9 meses no horizonte de 2026. Rematado este novo proceso de estabilización, en 2026, todos os integrantes do servizo traballarán, como mínimo, ao longo de 9 meses ao ano, incidindo nunha maior intensidade dos traballos preventivos.  Actualmente xa dous terzos traballan todo o ano. 

 Precisamente, un dos obxectivos que se persegue con esta ampliación do tempo de contratación é incidir na prevención dos incendios, coincidindo coa aprobación -no primeiro Consello do novo Goberno galego- do plan preventivo que estará vixente até marzo de 2025. Esta planificación faise desde unha forte aposta pola gandaría en extensivo en áreas estratéxicas do territorio. Entre outros fitos, prevese actuar en 60.040 hectáreas de terreo, das que unhas 5.000 serán xestionadas a través da gandaría en extensivo. O plan está dotado con 41,1 millóns -un 6% máis respecto ao do 2024-, e referenda a aposta do Goberno pola planificación preventiva para loitar dun xeito estrutural contra os lumes en zonas afectadas recorrentemente polos incendios. O plan incorpora as medidas con cargo ao convenio entre Medio Rural, Altri e Inditex, para actuacións estruturais de recuperación do territorio afectado por incendios de singular incidencia.

Te puede interesar