Fran Fernández Davila: "A cuestión non é a historia, senón como cha contan"

Fran Fernández Davila.
photo_camera Fran Fernández Davila.
Fran Fernández Davila gañou máis dunha trintena de premios, a metade de poesía e o resto de narrativa, o que o levou a múltiples publicacións colectivas e sete libros individuais

O escritor nado en Canido e que agora mesmo reside en Nigrán, Fran Fernández Davila, gañou o “VIII Premio Antón Risco de novela curta” pola obra titulada “Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas”, concedido pola Fundación Vicente Risco de Allariz. Fran Fernández Davila gañou máis dunha trintena de premios, a metade de poesía e o resto de narrativa, o que o levou a múltiples publicacións colectivas e sete libros individuais, cinco deles, novelas: “A senda de sal”, “Alana”, “O bosque do duque’s-Hertogenbosch”, “Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas” e “Groenlandia”. Ademáis, o vigués tamén escribiu dous poemarios en solitario.

Como se sentiu ao gañar o “VIII Premio Antón Risco de novela curta”?

Síntese ledicia porque alguén che di que o que ti escribiches gustoulle a un grupo de persoas. Se aínda por riba é en Allariz, cos apelidos de Risco e o irmán, é marabilloso.

Para non ser un escritor profesional, ten numerosos libros publicados e premios recibidos…

A primeira novela escribina no ano 2017, “A senda de sal”, que trata sobre a Segunda Guerra Mundial en Panxón, cos nazis, cos submarinos que houbo na ría de Vigo naquela época. O ano seguinte escribín “Alana”, unha novela curta de 100 páxinas e trata dunha rapaza que vive nun castro no tempo que estaban os romanos en Galicia, hai uns 2.200 anos. “O bosque do duque`s-Hertogenbosch”, unha novela para todas as idades e despois escribín “Groenlandia”, que sucede nas illas das Azores, unha novela de aventuras e escribina no 2019 e publicouse a finais do 2023 porque gañou o “XVII Premio de Story Breve Repsol”. Un dos cinco grandes premios que hai en Galicia. No ano 2021, escribín “Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas”, que se publicou no ano 2023 e foi premiada co “VIII Premio Antón Risco de novela curta”.

Ten algún referente de escritor no que se inspire?

A min encántame Alessandro Baricco. Un escritor italiano que escribiu “Seda” e moitas outras. É un autor no que o estilo o prioriza moito. A maioría da xente cando le narrativa, busca unha historia e o estilo é secundario. Eu o que procuro é que o estilo é máis importante que a propia historia. Sempre que collo un libro del, sempre está o estilo aí. A cuestión non é a historia que che conten, senon como cha contan. A min gústame porque podes comezar por calquer capítulo e se les calquer capítulo vaiche gustar, porque é coma se fose un poema. Para min é un referente absoluto. Logo gústanme outros moitos escritores, Julio Verne e Ted Chiang coa ciencia ficción.

Cando soubo que lle gustaba escribir?

Eu teño 49 anos e comecei con 42. De pequeno si que me gustaba escribir, pero era un hobbie ao igual que agora. Cando comecei a carreira deixeino todo. Con 42 anos tiña unha época de especial estrés na empresa que estaba naquel tempo e metínme a uns cursos de escrita creativa. A partir de aí foi surxindo todo. Fun facendo escritos, mandando aos concursos e continuei escribindo. É un hobbie que invertín moito tempo porque me gusta escribir. Non teño unha ambición profesional, e máis unha maneira de desconectar co meu traballo e non pensar nel todo o tempo.

Podería facernos unha breve descrición de “Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas”?

A novela acontece nunha semana, de luns a venres. Comeza o luns cunha camareira de cuarto que entra nunha habitación e a atopa especialmente limpa, ordenada e chámalle moito un libro de poemas que atopa enriba do escritorio. A partir de aí comeza a preguntarse quen é a persoa que ocupa ese cuarto. Pasa toda a semana intentando averiguar quen é esa persoa. Logo ten na casa a súa filla e trata un pouco sobre a evolución desa camareira durante esa semana, tratando de averiguar quen é o que ocupa esa habitación que ela limpa.

 Cambiou moito hoxe en día a forma de escribir en comparación cando era novo?

Non sigo moito os escritores de hoxe en día, salvo na literatura galega. Na literatura galega sí que cambiou algo moi importante, que é a incorporación das mulleres. Desde os anos 90 cara aquí, as mulleres incorporáronse con moitísima forza a literatura galega e están cambiando a cara. Cambiárona por completo e sobre todo aumentaron moitísimo a calidade. Lupe Gómez é unha referente en poesía e tamén en novela Emma Pedreira. Son escritoras incribles que temos aquí e que teñen a preferencia de escoller o galego para escribir, eso é un privilexio para a nosa lingua.

Te puede interesar