Sokram, músico: “A nosa realidade no mundo é máis fráxil do que queremos pensar”

Sokram, no set de Atlántico TV.
photo_camera Sokram, no set de Atlántico TV.
Sokram MC de Dios ke te Crew, presenta o seu novo proxecto, Cemento Musgo

Sokram visitou o set de Atlántico TV para presentar o súa última aventura, Cemento Musgo, no que se embarcou o produtor parisino Coio e o artista de gif art, A.L. Crego. Vogalista e responsable das letras, falou dun proxecto concibido como un compendio de catro artes (música, letra, voz e imaxe) nun formato que denominan “visu-álbum”.

 

 

Que é Cemento Musgo?

É un experimento audiovisual, unha criatura audiovisual na que participamos tres creadores, Coio na música; A.L Crego, na parte visual e eu, coas letras.

Contrapóñense a letra á imaxe? A parte visual semella tender máis á psicodelia, mentres o rap aborda temas moi reais.

A letra asenta fronte a imaxe que é hipnótica e xoga coa poética visual, conta de xeito máis lírico o que narra a letra. A combinación entre as dúas partes é bastante orgánica.

Como foi o proceso creativo? Primeiro foi a letra ou a imaxe?

De feito o proxecto xurdiu cando vin o traballo de A.L Crego, que é o videojockey de Dios ke te Crew e tamén pon imaxe aos vídeos de Coio. Pensei que a iso había que lle por rap. No proceso creativo estivemos en constante comunicación, puña letra á música e facía bocexos ou ao revés. Moitas veces producíamos en  paralelo sen darnos conta.

Son temas moi guerrilleiros, nos que se aprecia unha gran preocupación medioambiental.

Hai de todo nas temáticas. Pero o proxecto en si consiste nunha viaxe audiovisual sobre o contexto concreto no que nos criamos nós. Crego e máis eu compartimos un escenario, el nas Pontes de García Rodríguez coa central térmica e eu, en Ordes, con Meirama. Temos en común ese escenario de Springfield, tamén ese enlace do industrial coas contornas naturais, xa que As Pontes lindan coas fragas do Eume e Ordes está en pleno rural. Ese mesmo contexto inspirou o nome Cemento Musgo. Son sitios húmidos, que a nivel arquitectónico líganse a ese feísmo urbanismo. Este experimento artístico é como unha instantánea dese contexto, a idea xurdiu paseando por riba do río Cabrón, cuberto de cemento. Atravesa Ordes, pero como outra mostra máis dese feísmo, percorre o medio da vila soterrado.

Buscan espertar conciencias?

Si, claro. É unha narrativa explicativa, unha descrición do contexto. Moitas das letras foron feitas na pandemia ou na postpandemia, nun escenario distópico que está aí. Pretende transmitir desacougo e incredulidade. O último tema, “Colapso”, fala do que pode pasar en calquera momento, non só polo cambio climático que non se vai frear o seu avance, senón tamén pode haber unha explosión solar. A nosa realidade no mundo máis fráxil do que queremos pensar, a intención das nosas letras é facer reflexionar nese aspecto, espertar preocupación e conciencia.

Todo o proxecto está dispoñible en Youtube?

Chamámoslle  un visu-album porque son once cancións con once videocreacións que se poden escoitar e ver na canle de Cemento Musgo. A presentación en directo será o 4 de maio no local de Santiago Malatesta. Será cunha pantalla grande onde A.L. Crego pinchará en directo, é videojockey, polo que irá compoñendo en direto. Eu porei a voz ao asunto, cunha iluminación coidada. O fin é ofrecer unha experiencia preformática, a primeira sesión de Xénese Clube, comisariada por Dios k  te Crew.

Precisamente Dios k te Crew vén de celebrar o 20 aniversario. Como evoluciouno o rap dende os comezos do colectivo?

A escea do rap cambiou moito, cando comezamos todo era campo, agora hai moitos grupos facendo rap en galego, é unha escena máis variada, máis rica tanto en cantidade como en calidade. Cemento Musgo rompe bastante coa traxectoria de Dios k te Crew, tanto a nivel narrativo, letrístico e tamén musical, ten  parte do hip hop máis clásico, pero tamén ten toques de metal, trap y drark trap.

Te puede interesar