Alberto Abal: "Voces Graves xurde pola fonda tradición que había en Vigo de coros masculinos"

Alberto Abal, no set de Atlántico TV.
photo_camera Alberto Abal, no set de Atlántico TV.
Despois de actuar na igrexa de San Francisco, na Catedral de Tui ou na Concatedral, mañá ofrecen unha nova actuación no Museo do Mar coa cantante Paulina Ceremuzynska e Manuel Vilas, coa arpa románica

Voces Graves é unha das agrupacións referentes no panorama coral vigués. Integrada en Acopovi, participa nos circuítos de Nadal, Letras Galegas e Música Sacra, amais de ofertar concertos de verán e actuar no exterior (Roma, Asís, Asturias, Xerez ou Portugal). Actualmente promove a segunda edición do festival “Ai Ondas”, adicado a música antiga. Despois de actuar na igrexa de San Francisco, na Catedral de Tui ou na Concatedral, mañá ofrecen unha nova actuación no Museo do Mar coa cantante Paulina Ceremuzynska e Manuel Vilas, coa arpa románica. O seu director, Alberto Abal, visitou onte o set de Atlántico TV

 

 

Como nace a idea do festival “Ai ondas”?

O primeiro obxectivo é tratar que se poida escoitar este tipo de música que está un pouco esquecida nas programacións, pero que ten unha grande cantidade de público. No festival tentamos ofrecer un abano amplo de estilos dende o medieval, pasando polo renacemento e o barroco, procurando temas con participación vocal. O Museo do Mar é un contexto marabilloso para un concerto de música medieval. A entrada é gratuíta ata completar aforo. 

Nestes concertos, os escenarios son de feito moi simbólicos.

Cremos que este tipo de música é para facer en sitios determinados, con encanto. O domingo estaremos no mosteiro de Oia cantando xunto Daniel Goberna, un especialista en gregoriano. Tentaremos chegar a Sobrado dos Monxes e iremos a Samos. 

Existe un fío condutor entre tódolos concertos?

No caso deste ciclo xira en torno a “Salve Regina”, unha oración cantado en todo o mundo católico que foi composta por un santo galego. En 997 Mezonzo defendeu os restos dos apóstolo ante o ataque dos musulmáns. Ante a súa piedade, Almanzor respectou a tumba de Santiago. Mezonzo atribuíuno a intercesión da Virxe e escribiu o “Salve Regina”. A nosa intención é chegar coas actuacións ata Sobrado dos Monxes, onde foi abade e onde imaxinamos que o puido ser composto.

Como se creou o coro de Voces Graves?

Foi en 2018 para conmemorar o aniversario do compositor Paz Carbajal, natural de Pontevedra e finou en Noia. Precisabamos grupos de voces masculinas e resultou ben. Outro dos aspectos polos que o creamos foi a fonda tradición dos coros masculinos. En 1875 había concursos de orfeóns masculinos con obras de gran dificultade para agrupacións con certa preparación. Sería ideal recuperar esas pezas. Non é discriminación, é unha ferramenta musical. A miúdo contamos con colaboracións femininas, solistas, coros ou instrumentistas, dependendo do que requira a partitura. 

E nestes anos como evoluíu a agrupación?

Empezamos moitos, chegamos a ser entre 80 e 90 cantantes. Pero logo comezou a baixar a participación, unha redución que se incrementou coa pandemia. Agora somos entre 25 e 30. É un proxecto aberto e estariamos encantados en recibir novos integrantes. Non fai falla que saiban de música, só lles ten que gustar. É difícil porque a disposición dos homes a cantar é menor que o das mulleres.

Te puede interesar