rugby

Unha vitoria que vale por tres

Valentín Gutiérrez supera ó último opoñente do Oviedo para lanzarse cara o ensaio no partido de onte en Pontevedra.
photo_camera Valentín Gutiérrez supera ó último opoñente do Oviedo para lanzarse cara o ensaio no partido de onte en Pontevedra.

O Kaleido Vigo derrota ó Oviedo en Monteporreiro e abandona a última posición ó superar ó seu rival e o Durango

O partido da tempada. Adiado en decembro e fundamental onte no exilio de Monteporreiro ante as malas condicións meteorolóxicas a unha máis que posible inundación no campo das Lagoas Marcosende. Sobre o céspede artificial do terreo de xogo pontevedrés medían as súas forzas o último e o penúltimo clasificado. A vitoria significaba media salvación e a derrota estar case con dous pés en rexional. A isto é preciso engadir que o premio era dobre porque o gañador tamén superaba ó Durango. En definitiva, case tres partidos en oitenta minutos. 
Non obstante, o encontro de onte decidiuse en cincuenta a favor dos vigueses. A previsión de tempo falaba de vento forte de sur e choiva, pero que iría minguando ó longo do día. Tito Prieto, capitán dos vigueses, tiña clara a idea no sorteo de campos. Ataque con vento a favor no primeiro tempo. Acertou porque os primeiros dez minutos foron un vendaval acompañado de choiva. Sobre o céspede, o Kaleido Vigo converteuse nun furacán. Ritmo, posesión e moita presión para un Oviedo que carecía de capacidade para saír do seu campo. Cando o facía, case sempre con patadas, o vento freaba o oval. 
A isto engadiuse que a melé visitante non funcionaba pola inexplicable decisión do adestrador de deixar no banco a Pedro González e poñer a Abdon Roces. Un piar enorme, pero sen capacidade para flexionar as pernas no movemento de entrada na melé. Un verdadeiro choio aproveitado polos vigueses para recuperar unha e outra vez a posesión con golpes de castigo nesta fase do xogo. 
No medio do furacán, Uru transformou un golpe de castigo de 50 metros e Víctor Salgado apoiou tras un longo ataque de case dez minutos. Un 8-0 no cuarto de hora inicial do partido. O Kaleido Vigo estaba no camiño correcto, pero aínda faltaba moito. Tentouno unha e outra vez cun ritmo de xogo non visto esta tempada. As aparicións de Uru outorgan outro aire á liña de tres cuartos e tamén obriga ós rivais a unha vixilancia especial. Aproveitouno Valentín Gutiérrez, dende o posto de apertura, para cambiar de ritmo sobre a chegada da placaxe. Atopou o intervalo e apoiou por dúas veces. Unha antes do descanso e outra despois. Nas dúas accións tras avanzar moitos metros con percusións de Maka Tatafu e limpeza rápida dos compañeiros. O que indica o manual do rugby, pero o que é tan complicado de facer. 
Así, chegouse ó minuto 50 cun 22-0 que resolvía o partido. Quedaba buscar o cuarto ensaio de bonus ofensivo, que non chegou, pero tampouco a reacción visitante. Aínda así, o Oviedo foi outro equipo no segundo tempo. Tivo máis o oval, tentou anotar, pero atopou unha boa defensa viguesa e un vento menos forte que no primeiro tempo. Agora gañaba case todas as melés... Tarde de máis para a remontada.

Kaleido Universidade de Vigo: 
Sito Moure (Guimeráns, min. 50), Tito Prieto, Brizuela, Salgado (Casales, min. 60), Carlos López (Chema Fernández, min. 67), Villegas (Carlos Davila, min. 50), Abadía, Tatafu; Riveiro, Valentín Gutiérrez, Calvo (Miguel Abadía, min. 75), Caride, Mauro, Santi Gutiérrez (Diego Davila, min. 60), Uru.
Real Oviedo Rugby: 
Abdon Roces (Pedro González, min. 45), Chillón, Quiroga, Gueye, Tamargo, Valdés, Méndez (Julio Díaz, min. 71), Abarca; Menéndez, Contino; Vigal, Morán, Molnar, Castaño, Paz.
Anotaciones: 
3-0, min. 8: golpe de Uru; 8-0, min. 16: ensaio de Salgado; 15-0, min. 35: ensaio de Valentín Gutiérez, que pasa Uru; 22-0, min. 51: ensaio de Valentín Gutiérrez, que pasa Uru; 22-7, min. 75: ensaio de Molnar, que pasa Menéndez. 
Árbitro: 
Alberto Ruiz. Expulsou por dobre cartón amarelo a Caride (min. 61 e min. 79). Amosou cartón amarelo, que implica dez minutos de expulsión, a Paz (min. 11), e a Valdés (min. 44). 
Incidencias: 
Partido disputado no campo de Monteporreiro, en Pontevedra, polo mal estado de As Lagoas. 

Te puede interesar