liga act-san miguel

Tirán rende no seu planeta

A tripulación de Tirán Pereira asinou onte a sexta posición na regata disputada en Sanxenxo.
photo_camera A tripulación de Tirán Pereira asinou onte a sexta posición na regata disputada en Sanxenxo.

A "Mar do Con" quedou a un segundo da quinta praza e hoxe voga na segunda tanda en augas de Bueu (12:00, G2)

Unha Liga ACT San Miguel de dúas velocidades. Probablemente, dous mundos demasiado diferenciados e onte, a pesar da mar e do vento, a competición rexistrou esta realidade pero non debe tapar o que foi unha regata sublime, de enorme beleza e emoción, cun ollo posto no reloxo e outro no vogar técnico de cada tripulación. 
Urdaibai, que comezou a tempada cunha sanción de 95 puntos pola súa implicación na 'Operación Estrobo' de dopaxe, dominou a primeira quenda coa man de ferro que se lle presupón. Os sábados, as traiñeiras toman a saída segundo a clasificación xeral e o bote de Bermeo vai a vivir nesta constante toda a tempada. Cunha das mellores tripulacións da liga, onte en Sanxenxo serviulle para anotarse a bandeira. Favoreceulle o seu enorme potencial e, tamén, que durante a primeira quenda rexistráronse os ventos máis suaves da tarde. 
Na última, a que pechou a regata, estaban Orio, que confírmase como a gran favorita ó título, Kaiku, Hondarribia e Tirán Pereira. Os adestrados por Dani Pérez quedáronse dende a primeira pada co mar en contra. Non é a loita dos de Moaña porque parece que as catro tripulacións xa mencionadas están noutra competición. Nun día extraordinario pódese coar a "Mar do Con" entre elas. Nun día simplemente bo, está a máis de vinte segundos. É a súa realidade, pero tamén coñecela resultou providencial onte. A pesar de quedar atrás, loitou con forza e corazón para non afundirse e cumpriu de maneira notable. Quedou a un segundo de Ziérbena, que disputou a primeira quenda con algo menos de vento, tras facer un último longo espectacular, no que incluso recortou tempo a Hondarribia. É dicir, entre os mortais, na liga da zona media e evitar o descenso, Tirán Pereira foi segundo e deixando boas sensacións. Con cambios, remando en solitario na manga e con peores condicións que na primeira quenda. Este mediodía en Bueu terá un enfrontamento directo coas traiñeiras do seu nivel. 
E moi pretiño da "Mar do Con" estivo Cabo da Cruz, a segunda tripulación galega que continúa no bo camiño cara a permanencia. Asinou unha oitava praza meritoria na segunda manga do día, a que tivo máis vento e na que loitou durante moitos momentos pola vitoria parcial. Escapóuselle, pero non deixou pasar a opción de recuperar tempo a San Pedro no último longo. De novo, cun ollo no reloxo, foi a constante da tarde. Os de Boiro gañaron a súa particular batalla.
Unha loita que non conseguiu conquistar Orio. A tripulación vasca, tras deixar atrás a Hondarribia e Kaiku, realizou todo o último longo nunha loita contra o tempo establecido por Urdaibai. Finalmente, e tras igualalo en varios momentos, quedou a cinco segundos da vitoria. 
Como curiosidade do día quedou a baño involuntario de Pedreña, que continúa nun ano horrible. En Barcelona sufriu un afundimento e onte ás súas debilidades deportivas sumouse que o piqueiro caeu ó auga na primeira virada. Último posto e un punto en dúas regatas. Pechacancelas, practicamente non puido competir e claro candidato ó descenso.n

Te puede interesar