traiñeiras

Tirán pasa o exame

Mecos, Samertolameu, Ares e Tirán Pereira afronta a ceavoga de terra na regata de onte disputada en Moaña.
photo_camera Mecos, Samertolameu, Ares e Tirán Pereira afronta a ceavoga de terra na regata de onte disputada en Moaña.
A "Mar do Con" remata na terceira posición por diante de Mecos nunha nova vitoria de Ares
Penúltima xornada puntuable na primeira categoría da Liga Galega de Traiñeiras e, como é habitual, viviuse unha proba de extraordinaria igualdade no campo de regatas moañés de Meira. O club de Samertolameu, ante o seu público, igualou a mellor actuación do ano e rematou na segunda praza por detrás de Ares, que incrementa a renda no liderado da competición cunha nova vitoria.
Non obstante, a principal loita estaba onte entre Tirán Pereira e Mecos. A "Mar do Con" e a "Mequiña" buscan a segunda posición, que permite disputar a promoción de ascenso á Liga ACT e o terceiro posto para o barco de Benjamín Álvarez 'Benji' foi onte toda unha fazaña e un paso adiante nas súas aspiracións debido a que pechou a xornada con dous puntos de renda sobre o seu rival. 
O día comezou con vento do norte e cun sorteo de balizas duro para Tirán porque tiña que vogar polo cuarto carreiro, mentres que o seu principal rival, Mecos, navegaba polo primeiro. Unha situación favorable para os grovenses porque con estas condicións meteorolóxicas o peirao de Meira aminora o vento durante moitos metros do campo de regatas, mentres que na parte exterior e onde corre o aire sen obstáculos e alí levántase máis onda. Neste contexto de regata, Ares mandou dende o primeiro longo, con esa renda sempre favorable pero curta de catro ou cinco segundos sobre os seus rivais. Pola súa banda, no ecuador da regata, Samertolameu, Tirán e Mecos viraron no mesmo segundo, pero os locais desfixeron a igualdade no terceiro longo. 
Coa "Terca" camiño da segunda posición, quedaba por dirimir a loita entre Tirán e Mecos, que foi favorable á embarcación do Con por menos dun segundo. Unha marxe estreita, pero que permite ó club moañés chegar á última xornada do sábado con dous puntos de renda sobre o barco grovense. Deberá evitar unha descalificación e meterse na primeira xornada do Teresa Herrera nun dos tres primeiros postos ou, no seu defecto, clasificarse unha única praza por detrás de Mecos. 
No referente á xornada de onte, Ares obtivo unha nova vitoria tras mandar con autoridade dende o comezo, aínda que tivo que apertar máis da conta no último rego da proba ante a velocidade de Samertolameu.
En todo caso, a competición ten un ollo posto na xustiza porque Samertolameu e Tirán anunciaron que recurrirán a asamblea que decretou a regata de Ares como non puntuable, o que favorece á traiñeira de Ferrolterra. 

Te puede interesar