Atlántico

DESAFÍO DELIO FERNÁNDEZ

Un pelotón de case trescentos

Un total de 215 ciclistas remataron o Desafío Delio Fernández, con Álex Marque e Lara Lois como os máis rápidos
Delio Fernández exerceu de anfitrión da marcha que leva o seu nome, que tivo a preto de 300 participantes, dos cales remataron 215.
Delio Fernández exerceu de anfitrión da marcha que leva o seu nome, que tivo a preto de 300 participantes, dos cales remataron 215.
Un pelotón de case trescentos
Xornada ideal para o ciclismo con temperatura moderada e sen choiva, que parou de caer minutos antes de comezar un Desafío Delio Fernández que chegou onte á cuarta edición con case 300 cicloturistas, dos cales 215 completaron o percorrido de 96 quilómetros ata o alto de Chan D'Arquiña. A estes corredores é preciso engadir a treintena de cativos que participaron no Mini-Desafío.
Como é habitual na cita, o corredor profesional moañés do Delko Marseille actuou de anfitrión dunha marcha á que da nome. Chegou onte pola noite a Moaña tras rematar décimo quinto na Volta a Burgos e, tras descansar unhas horas, estaba na liña de saída nas inmediacións da praia da Xunqueira para dar comezo ó evento e facer as fotografías habituais con autoridades, cicloturistas e tamén amigos, que foron varios os que formaron parte no pelotón da marcha.
Entre eles estivo o exseleccionador español Javier Mínguez, que recibiu unha homenaxe e cubriu uns quilómetros do evento, pero foi un dos poucos que non afrontou o duro e explosivo ascenso a Chan D'Arquiña, nas inmediacións ó alto de Domaio. Este porto servía para pechar a xornada deportiva e era o único treito onde o ritmo era libre para os participantes. Moitos optaron por un ritmo elevado e o máis rápido en cubrir ós 6 quilómetros ó 8.2% de pendente media con tramos de ata o 19% foi o estradense Álex Marque (21:06), profesional do Sporting Tavira portugués e compañeiro nalgúns adestramentos de Delio Fernández. Segundo foi o redondelán do Rías Baixas Samuel Blanco (22:18) e o mellor rexistro entre os afeccionados o estableceu David Vidal con 23:19.
En mulleres cumpriuse o prognóstico e a especialista en bicicleta de montaña Lara Lois (27:10) obtivo a vitoria cunha ampla marxe sobre Vanesa Villar (33:53), do Triatlón Vao. O podio completouno Montse Bernández (37:27), da Peña Valle Dando. En todo caso, para moitos dos ciclistas alcanzar a cima do porto xa foi unha verdadeira fazaña pola dureza das súas rampas e despois de moitos quilómetros. Os primeiros corresponderon á coñecida como volta ó Morrazo, que percorre toda a costa desta península para despois subir ata o Lago de Castiñeiras, regresar a Domaio e afrontar o treito libre e de gran pendente. Delio Fernández, que completou a cita a un ritmo tranquilo, explicou que "cada vez ven máis xente de fóra de Galicia e xa representan unha porcentaxe moi alta. Máis que unha proba competitiva buscamos un reto persoal. A ascensión a Chan D'Arquiña ten participantes que buscan ser o máis forte, outros queren superar a súa marca e o resto tentan chegar vivos ata o alto. Resulta unha proba asequible para os diferentes niveis de ciclistas, aínda que unha mínima preparación é imprescindible porque ten dificultade media-alta".n