CLAUDIA MARTÍNEZ. Xogadora do Bembrive de fútbol sala

"Deixei o fútbol sala polo traballo, non tiven dúbidas"

Claudia Martínez anotou 20 goles na primeira fase de Segunda División de fútbol sala.
photo_camera Claudia Martínez anotou 20 goles na primeira fase de Segunda División de fútbol sala.
Claudia Martínez (Cangas, 26 anos) comezou no fútbol no Olivo e despois pasou ó fútbol sala onde chegou á Primeira División co Poio e vestiu a camisola da selección española absoluta. 

Non obstante, ó rematar a carreira, pasou o proceso de selección na prestixiosa empresa Deloitte e tivo que escoller entre o traballo e a máxima categoría da súa disciplina. Gañou a seguridade da empresa ante as moitas incertezas do deporte feminino. 

Vostede estaba na División de Honra no Poio Pescamar e foi coa selección española, pero deixou o fútbol sala polo traballo. Por que?
Ó rematar a carreira, por sorte e con 21 anos, saíume unha oportunidade laboral que non dubidei en collela. Tiven que deixar o Poio, que era o meu equipo, porque era incompatible e estiven tres anos e medio sen xogar. A verdade é que non tiven dúbidas. Son unha tola do fútbol, encántame o fútbol sala e o deporte. Pero sempre tiven claro que a prioridade eran os estudos e, despois, foi o traballo porque pasei unha serie de entrevistas e accedín a un bo posto. O deporte feminino é minoritario e non existiron dúbidas ante unha oportunidade así. 

A realidade do fútbol sala feminino é que unha xogadora da selección española pode deixar o deporte por un posto de traballo.  
Como digo eu: Isto é fútbol sala, non é fútbol. Se ademais, é feminino, é dobremente minoritario. Calquera comparación co fútbol masculino é ridícula. Coñezo a compañeiras que tamén optaron por esta decisión. Daquel equipo do Poio é certo que a miña compañeira Yoli deixouno polo mundo da música e aínda foi máis atrevido. Con sorte e traballo foille ben. Pero apostou por iso ós 24 anos. Tamén Elena puxo por diante o mundo laboral.  

¿Entende que no mundo do deporte a súa decisión sexa sorprendente?
Claro que o entendo. Que non me custase tomar a decisión, non quere dicir que non tivese dor. O meu último partido no Poio paseino mal, chorei moito. O fútbol sala é a miña paixón e tiña a sorte de que se me daba ben. Sentía moitas cousas xogando e entendo a pregunta. Pero a resposta é sinxela: co fútbol sala non ía a gañarme a vida e os estudos e o traballo van primeiro. Esta tamén é a mensaxe que lle digo ás miñas compañeiras no Bembrive. A maioría están en idade de estudar. Pensar noutra cousa é estar equivocado. Claro que entendo que existan xogadoras que opten por alongar a vida deportiva o máximo posible. Se estás facendo a túa paixón é entendible que o alongues. Tamén hai outras profesións, como preparar oposicións, que pode ser compatible. No meu caso era totalmente incompatible. Tampouco a mensaxe ten que ser que ós 21 anos vas ter que escoller entre o deporte e o traballo. Para mín foi así pero non ten por que darse sempre así. 

Como é xogar nun equipo tan amateur como o Bembrive? 
A verdade é que estou encantada. Empecei con gañas de adestrar, simplemente por facelo. Pero unha semana despois xa tiña a licenza e, a continuación, xa estaba xogando a liga autonómica. Un ano despois, ascendemos á categoría nacional e tiven moita sorte porque o traballo que fai o corpo técnico é moi serio. Aínda que as compañeiras son novas, están a facer as cousas ben. O equipo é en Vigo, a vinte minutos da oficina e, ademais, polo Covid teño moitos menos desprazamentos. En anos anteriores si que viaxaba máis.  

Como se atopou no regreso despois de tres anos?
O primeiro adestramento foi unha sesión física en Samil e estiven a piques de vomitar ó lado dunha árbore. Foi sufrido, pero atopeime cómoda. Ademais, tamén gústame o traballo físico e padecer nos adestramentos. Co balón pásoo ben, pero no físico tamén. Cando regresei, si que me din conta do moito que o botaba de menos. Foron tres anos e medio sen xogar e pronto recuperas esa sensación do ben que o pasas na pista.  

Tres anos e medio sen xogar. Notaba a falta do deporte?
Nos días de semana, a verdade é que non. Non tiña tempo. Pero si que o pasaba moi mal cando ía ó pavillón da Seca a ver ó Poio. Era unha envexa ver xogar a elas, pero tamén era difícil seguir un partido dende a bancada. A nivel físico non o notei tanto porque si que ía a correr de cando en vez, xogaba algunha 'pachanga' e así. Non cheguei a estar parada de todo. 

Co tempo que pasou, acertou na súa decisión?
Totalmente, sinto que se reforzou o paso que din e, ademais, aínda estou especialmente contenta por atopar esta oportunidade no Bembrive, que me permite compaxinar as tarefas co traballo. 

En que consiste a súa profesión?
Traballo de asesora financeira en Deloitte, na oficina de Vigo. Sobre todo nos primeiros anos tiven que viaxar moito. Por toda Galicia e, incluso, fóra de España. De feito, nesa primeira etapa creo que non podería nin xogar no Bembrive por unha cuestión de tempo e dispoñibilidade. Tes que ter esa dinámica de equipo e nesa etapa inicial na empresa debes coñecer todo ben e formarte. Igual non podía. Incluso, nas últimas semanas, co 'toque de queda', tiven que modificar os horarios no traballo para chegar ó adestramento. 

Como unha xogadora de fútbol sala entra con 21 anos en Deloitte?
Este tipo de auditoras sempre contratan a recén graduados. Pero é algo complicado porque tes que pasar moitas entrevistas e adoitan esixir unha nota boa na carreira. Viñeron a dar unha conferencia na universidade, a min gustoume moito a súa exposición e probei. Botei o currículo e fun pasando entrevistas. Unha tras outra e, sen esperalo, chegoume a oferta e foi unha ledicia. A verdade é que foi inesperado, sobre todo, ó comezo. Logo, cando vas pasando entrevistas, si que vas vendo que tes máis opcións. Comezou en xaneiro e rematou en xuño. Mentres, tiña como segunda opción facer un máster e seguir xogando. Aínda así, xa tiña claro que se me collían, era a miña prioridade. 

¿Está contenta?
A verdade é que si. Estou moi contenta e agora, que podo liberarme fisicamente xogando, estouno un pouco máis. Mentalmente, o traballo esixe tanto como o deporte de alto nivel e tamén notaba que fisicamente precisaba unha certa vía de escape. Pero é certo que toda a vida adestrei para isto. É un traballo que esixe moita planificación e levar todo ó día e, dende pequena, tiven que organizarme para compaxinar deporte cos estudos e incluso fun ó conservatorio.

Segunda goleadora do grupo e unha internacional no Bembrive

Claudia Martínez anotou 20 goles na primeira fase de Segunda División de fútbol sala. Foi a segunda na lista de anotadoras e logrou, polo menos, un tanto en todos os partidos. Con 26 anos exerce de referencia no Bembrive, que pode gabarse de ter a unha internacional española cando xogaba no Poio (fotografías superiores). Con ela, o equipo vigués asegurou a permanencia e, na segunda fase, na que se loita por entrar no 'play-off' polo ascenso, comeza na última posición. Empezará a xogar o 20 de marzo e tentará adiantar unha ou dúas posicións.

Te puede interesar