día das letras galegas

Unha ofrenda “chea de afecto"

Unha ofrenda floral na casa de Carvalho Calero sustituiu os tradicionais actos do Día das Letras.
photo_camera Unha ofrenda floral na casa de Carvalho Calero sustituiu os tradicionais actos do Día das Letras.
A conmemoración das Letras Galegas mantívose onte viva a través da acción dos cidadáns, institucións e de asociacións que, botando man de imaxinación e da tecnoloxía elaboraron unha serie de alternativas para celebrar a Ricardo Carvalho Calero.

Unha sinxela ofrenda floral presidida por integrantes da Real Academia Galega (RAG), autoridades autonómicas e o alcalde de Santiago foi a forma de homenaxear ao autor Ricardo Carvalho Calero no Día das Letras Galegas, que este ano se celebran de forma atípica debido á pandemia de coronavirus.
O presidente da RAG, Víctor Freixanes; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a académica Margarita Ledo, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, foron algunhas das personalidades que se achegaron até a porta da casa na que viviu o intelectual en Santiago de Compostela, na rúa Carreiro do Conde, para realizar esta ofrenda floral, recitar un dos seus poemas e dedicarlle unhas palabras onte domingo.
A situación obrigou a que este 17 de maio se optase por un acto "sinxelo" que o presidente da RAG quere lembrar como unha celebración "chea de afecto, admiración e agradecemento", por encima de todo o demais. O 17 de maio "sempre é un día especial", unha "data simbólica do noso Rexurdimento, da nosa identidade nacional, do noso idioma no que deprendemos os primeiros nomes das cousas e que nos instala entre as culturas do mundo", engadiu. Tamén rememorou "o traballo, lealdade á causa de Galicia, compromiso e esixencia" que reflicte a obra do autor homenaxeado este ano. De todos os xeitos, Freixanes espera que o próximo 31 de outubro, a Real Academia poida realizar unha homenaxe en condicións na cidade natal de Carlvalho Calero, en Ferrol. Así, a celebración coincidirá co 110 aniversario do autor, que "naceu o mesmo ano no que apareceu no ceo o cometa Halley".
Foi o propio don Ricardo o primeiro en establecer unha relación entre o paso deste cometa polo ceo e o seu nacemento, nun dos seus poemas. Por iso mesmo, Margarita Ledo decidiu darlle voz nesta homenaxe a eses versos que o autor dedicou ao seu "irmán" Álvaro Cunqueiro en 1980. A académica recitou: "O primeiro aeroplano ensaiaba o seu voo, ti ja ou dixeches,/ namentres nós naciamos./ E o cometa Halley brillaba non ceu,/ e Tolstoy apagábase cando nós nacémos (...). A princípios de século nacémos,/ a fins de século morrémos./ Ti e máis eu fomos, verdadeiramente,/ fillos do noso século".
Neste 2020 cúmprense 57 anos desde que se empezou a celebrar o Día das Letras Galegas, o pasado 17 de maio de 1963. Aquel día o Pazo de Fonseca de Santiago acolleu aquela primeira celebración, na que o propio Carvalho Calero dedicaba as súas palabras ao poeta homenaxeada, Rosalía de Castro. Nesta ocasión tocoulle ao mestre "Don Ricardo" recibir a admiración dos intelectuais galegos que o lembran como un "poeta intenso e esixente" que construíu "un universo por primeira vez" coa documentación da historia da literatura galega.
Galicia está a vivir neste Ano Carvalho Calero situacións extraordinarias e as consecuencias dunha crise sanitaria que paralizou todo o país. A Real Academia Galega non foi unha excepción e xa se viu obrigada a tomar decisións sen precedentes nos 57 anos de historia do 17 de maio, como o adiamento do seu acto oficial de conmemoración ata o mes de outubro.

Extensión do ano 
Carvalho Calero
As restricións decretadas polo estado de alarma e as medidas de seguridade para facer fronte á covid-19 afectaron a toda a programación prevista para homenaxear ao profesor e escritor ferrolán. Por este motivo numerosas voces, da man de escritores, intelectuais, entidades sociais e culturais, solicitaron formalmente á institución académica que estenda a 2021 a celebración da figura de `Don Ricardo`, co fin de paliar esa situación e darlle a visibilidade que merece.
A Academia é totalmente consciente desta demanda social. O presidente da RAG, Víctor Freixanes, recoñeceu que se trata de "unha posibilidade que está aí" pero que a institución terá que valorar no seu momento. Freixanes avanzou que se convocará un pleno cando as circunstancias o permitan, previsiblemente á volta do verán (en setembro ou principios de outubro), no que a Executiva e os académicos analizarán a situación na que queda a conmemoración e as iniciativas desenvolvidas. n

Te puede interesar