NACHO MAÑÁ Compositor da ópera folk “María Soliña”

“Temos catro óperas galegas, pero ‘María soliña’ é a primeira que fusiona clásico e folk”

Nacho Mañá, coa soprano viguesa Carmen Durán, ataviada de María Soliña.
photo_camera Nacho Mañá, coa soprano viguesa Carmen Durán, ataviada de María Soliña.
Nacho Mañá é un compositor e saxofonista cangués, de 22 anos, que investigou a música tradicional galega dende unha óptica etnográfica na universidade de Cambridge. Agora está a piques deestrear no auditorio municipal de Cangas a primeira ópera folk en galego, baseada na historia de María Soliña, involucrando a artistas de primeira orde.

nnn  O 8 de maio é a data fixada para a estrea da ópera folk “María Soliña”. Será de xeito presencial no auditorio de Cangas e pola vía virtual a través de streaming. Onte, subíuse o terceiro vídeo de promoción á canle de youtube do mesmo nome. É unha primeira toma de contacto dun ambicioso proxecto do que falou para Atlántico o seu artífice, o compositor Nacho  Mañá.

“María Soliña” será a primeira obra deste xénero tan específico en Galicia?
Temos catro óperas escritas en galego, pero penso que esta é a primeira que fusiona o clásico e o tradicional.
Como se chega a harmonizar dous estilos tan diferentes?
Ten o seu aquel. Partimos de que a música clásica é máis elitista, sobre todo no mundo da ópera. Como compositor e saxofonista a miña formación é moi clásica. Supón un desafío para min chegar a un público máis amplo. Fixen unha investigación en Cambridge sobre a música tradicional e a fala galega e dende aí embarqueime neste proxecto. Plantexo a fusión a partir dunha selección de instrumentos clásicos de vento de madeira, metal y corda con outros tradicionais como a gaita, a zanfona, o asubío ou o tambor galego. Sumo aos timbres sonoros e técnicas vocais depuradas unha vocalización máis híbrida do canto tradicional e da fala coas regueifas.
Para este desafío conta con colaboradores de luxo.
Contará con voces como a da soprano viguesa Carmen Durán, o contratenor Christian Gil-Borrelli, o baixo Antonio Alonso ou o tenor José Bustamante, frente a eles estarán actores sen formación tan clásica como Lois Soaxe, máis influidos polo xeito de vocalizar da fala. Aos instrumentos estarán os músicos da Orquestra Sinfónica Vigo 430, a zanfona de Anxo Pintos ou o gaiteiro Anxo Lorenzo. O certo é que moi poucas veces tense a oportunidade de combinar artistas de tanta categoría. A todo eso súmase a dirección de Sigfrid Monleón que lle dará una visión escenográfica moderna.
A que ritmo vai a montaxe?
Xa estamos na recta final. Tivemos moitos ensaios cos actores e reunións. Estamos facendo un esforzo na promoción, subindo os vídeos a Youtube, adiantando a ópera dun xeito creativo e gravando en lugares significativos de Cangas, como a praia de Arealonga ou no monte do Facho. Amais do obxectivo artístico, este proxecto ten unha finalidade comunitaria, a de unir á comunidade galega espallada polo mundo. Estamos en contacto con grupos musicais de distintos centros galegos que terán acceso á estrea por vía streaming.
Por que María Soliña?
En 2019, cando estaba no medio do proxecto de investigación, tiven ocasión de asistir á representación da obra “María Soliña” por Teatro de Ningures, de Xosé Manuel Pazos. Quedei fascinado pola historia, polo seu potencial dramático, afincado no folclore galego. 
Foi complicado levar a termo unha montaxe tan ambiciosa?
Estamos moi agradecidos a Pazos que acolleu a idea con entusiasmo; trala súa morte, hai unhas semanas, o Concello de Cangas mantivo o seu apoio á ópera folk, ao igual que o de Moaña.n

Te puede interesar