Cultura

“A morte é a outra cara da vida, hai que aprender a ver cara a ela para aprender a vivir”

Cultura

REXINA VEGA Escritora, presenta a novela “O estado intermedio”

“A morte é a outra cara da vida, hai que aprender a ver cara a ela para aprender a vivir”

Rexina Vega aborda o tema da morte vista polos vivos.
photo_camera Rexina Vega aborda o tema da morte vista polos vivos.

  Rexina Vega (Vigo, 1966) combina a docencia universitaria coa escritura. Galardonada con premios como o Ricardo Carbalho Calero 1997 ou o Xerais  2007, presenta a súa última novela “O estado intermedio” (Galaxia, 2020), onde analiza a relación coa morte dos que quedan, mais tamén dos que se van.

“O estado intermedio” é unha homenaxe á morte?
É a búsqueda dun diálogo cos mortos, unha tentativa de buscar na memoria dos mortos. Toda a vida estamos acompañados polos defuntos. Esa coexistencia está na tradición popular galega coa Santa Compaña e outros mitos, pero tamén atópase noutras culturas. No libro tibetano considera que a vida dun morto se pode ler, queda fixada. É unha relación co máis trascendental da morte. Quero ir máis alá do medo.

Por que agora falar da morte evítase como un tabú?
A primeira da novela está dividida segundo os textos de John Berger onde reflexiona sobre o trauma que provocou o capitalismo avanzado ao romper a relación que tiñamos coa morte. Deixou un baleiro, que provoca desacougo. A morte é a outra cara de vida. Hai que aprender a ver cara á morte para aprender a vivir.

Pero na súa novela tamén se pon na pel da filla, a que se queda tras a morte do pai.
A revisión crítica da figura do pai adoita ser feita por homes, mentras as mulleres falan das relacións complexas coa nai. Penso que foi unha posición política polo que o feminismo se centrou moito na muller, a figura da nai está sobredimensionada. Eu quixen fixarme na importancia da figura paterna no desenvolvemento dunha muller. Penso que todas nós temos un home dentro.

É unha análise dende unha perspectiva de igualdade de xénero?
O ideal de home moitas veces está feito a semellanza do pai y produce insatisfacción na relacións. Ser conscientes deste proceso axúdanos a ser máis libres. Eu son dona da miña proxección.

Este é un libro para pensar?
É un libro para reflexionar. Escribino porque quería descubrir o que me pasaba a min, entender a miña obsesión coa morte e a relación co meu pai. Convertíndoa en relato, libereime. É un relato individual, pero calquera pode identificarse.

Cando nace esta necesidade de exteriorizar os sentimentos?
Xurdíu cando tiña que xurdir. Hai un intento de comprensión e un distanciamento. Pero este non é o meu pai, é unha obra de autoficción.