vigo

Galaxia cumpre 70 anos con edicións só en galego

Setenta anos despois, o Consello de Administración con Francisco Castro como director xeral.
photo_camera Setenta anos despois, o Consello de Administración con Francisco Castro como director xeral.
Conmemorará a efeméride cun novo logo, publicacións específicas, recuperacións  de edicións da ‘Revista Nós’ e actos sociais

 “Galaxia naceu para defender a cultura, os intereses e a lingua de Galicia, é unha empresa onde nunca se repartiron beneficios porque todo se rinvirte no proxecto”. Así, Francisco Castro, director xeral de Galaxia, considera que 70 anos despois do seu nacemento a editorial cumpríu co obxectivo marcado polos seus fundadores, tal e como o recolle no seu comunicado oficial: “O catálogo da editorial segue medrando e ollando ao futuro coa mesma determinación que tiña aquel grupo de homes e mulleres aquel día de hai sete décadas”.
Consciente e orgulloso do legado que agora dirixe, Castro fixo colocar á entrada das oficinas en Vigo unha fotografía de grandes dimensións da asamblea fundacional o 25 de xullo de 1950, no hotel Compostela de Santiago, asemade que repartíu por toda a sede retratos dos pioneiros: “Xa é importante que unha editorial se manteña 70 anos, pero moito máis se o fai publicando só en galego; hai que ter en conta cando xurdíu, en pleno franquismo coa dictadura totalmente belixerante contra o galego; supón todo un hito ter chegado ata aquí”, apunta.
Coa efeméride, Galaxia estreará unha logomarca en tódalas súas publicacións, inspirado no selo histórico deseñado por Xaime Isla Couto, un dos fundadores, e que tamén fai referencia ao centenario da Xeración Nós. A editorial fará pública nos vindeiros días a programación para conmemorar o aniversario. A modo de adianto, Castro apuntou que se presentarán numerosas publicacións específicas sobre a historia da propia editorial e recuperaranse edicións históricas da Xeración Nós, que se coroarán con moitos actos sociais e culturais tanto en Santiago, cidade fundacional como en Vigo, actual sede da empresa.

A intelectualidade galega de 1950 participou na fundación da editorial Galaxia, o 25 de xullo, no hotel Compostela.

A intelectualidade galega de 1950 participou na fundación da editorial Galaxia, o 25 de xullo, no hotel Compostela.

Te puede interesar