Cultura

“A covid-19 reflexou o abandono aos maiores, pero ese problema vén de lonxe na sociedade”

Cultura

NOEMI CHANTADA Directora de ‘Xoves de Comadres’, curta gañadora en Cans

“A covid-19 reflexou o abandono aos maiores, pero ese problema vén de lonxe na sociedade”

A viguesa Noemi Chantada, recollendo un dos seus catro premios en Cans.
photo_cameraA viguesa Noemi Chantada, recollendo un dos seus catro premios en Cans.
A realizadora viguesa Noemi Chantada vén de acadar o maior éxito na última edición do Festival de Cans coa súa curtametraxe “Xoves de Comadres”. O xurado outorgoulle os galardóns á Mellor Curtametraxe e Mellor Guión e obtivo as distincións do Público e o Xurado dos Veciños e Veciñas; un recoñecemento que se suma aos tres premios acadados no Festival de Cine de Málaga con esta obra que fala da terceira idade.


¿Sabe máis doce o triunfo cando é preto da casa?
O triunfo en Málaga foi un sorpresón, o primeiro coa estrea da curta, pero sabe moito mellor o de Cans por podelo celebrar coa familia e os amigos.

¿Como se sinte ao recibir o aplauso unánime do xurado e o público?
Este traballo é moi persoal. O principal é que lle guste ao público, pero coñezo e respeto ao xurado e levar ambos premios é xenial.
Nas súas últimas curta toca temas sociais, ¿vese enfocada nesa liña?
A inspiración que tiven non foi cunha vontade social directa, son cousas que me moven máis como foi a prostitución en “A muller invisible” e a terceira idade agora en “Xoves de comadres”.
Destacan desta curta a sensibilidade coa que trata a terceira idade e os coidados, uns temas de moita actualidade nos últimos meses coa crise sanitaria.
Por desgraza a situación dos nosos maiores, o abandono e os coidados deficientes vén de lonxe. Coa Covid viuse máis reflexado e socialmente parece que non encaixan nas vidas frenéticas desde fai tempo. Miña nai foi coidadora e contábame moitas historias que che rompían o corazón.

¿Que opina da situación actual que vive o panorama cultural polos efectos da crise sanitaria?
A cultura é atacada dende hai anos e non sei con que intención. Hai quen pensa que non aportamos nada: eu son autónoma, traballo dende que rematei os meus estudos e pago impostos. A cultura é segura. Veño de catro festivais estas semanas e non me sentín tan segura en ningún bar onde puiden ir tomar algo. Somos un blanco fácil.

¿Cal é o seu próximo proxecto?
Sempre temos proxectos na cabeza e a peor parte é elixir un só (risas). En Islandia –a súa productora– estamos moi ilusionados cunha curtametraxe do meu compañeiro Óscar Pardo. Ese vai ser o noso próximo proxecto.
Vostede é un referente no presente e futuro do cinema galego, ¿hai unha boa canteira?
Xa non é unha canteira, somos como un foguete. En Málaga este ano houbo seis premios a produccións galegas. Hai un traballo moi bo que recibe as miradas de fóra.

Comentarios