Opinión

VIGUESISMO OURENSÁN

Decidín hai xa catorce anos fixar a miña residencia en Vigo, fíxeno porque desexaba vivir nunha cidade á que quería e quero desde que descubrín nela unha das cousas que más valoro nesta vida, a tolerancia. Vigo era unha cidade aberta, moderna e acolledora. Tamén caótica, ben é verdade, ás veces dura e co xeito de conducir máis portugués que un poida imaxinar; pero a pesares diso eu decidín deixar Santiago e instalarme aquí, contribuíndo cos milleiros de quilómetros que levo feito a que os donos da AP-9 poidan recubrir de ouro a xa máis que amortizada Ponte de Rande.


Nuns momentos nos que a cidade pasa por unha situación laboral complicada, e cun ambente de tristura e desazón, eu sigo apostando por ela, polo seu espírito emprendedor e por considerala quen de volver a rexurdir das súas cinzas para ocupar o posto dinamizador que lle corresponde como a gran urbe de Galicia que é. Estamos todos bastante noqueados e mesmo damos a impresión de ter atrofiada a nosa capacidade de resposta, pasando dun 'non parar' a ter que desempoar aqueles terribles 'Lunes al Sol'. Pero estou convencido de que van volver os tempos de ilusión, vía México, Brasil ou Marrocos; volveremos sufrir os atascos do mediodía en Beiramar; volverán aquelas motoretas nas que os máis novos farán irresponsablemente os 'caballitos' camiño do 'chollo' nas empresas auxiliares do naval; e Castrelos volverá encherse de almas que vibren cos grupos de música emerxente como no seu día outros vibramos cos 'Golpes Bajos'; e Balaídos volverá gozar e sufrir cun Celta de Primeira, mentres Bouzas recupera todo o ambente de tapeo e a maxia entrañable dun pobo inmerso na cidade. E estas páxinas de 'Atlántico' volverán encherse, vintecinco anos despois, de noticias que falen de progreso e benestar, e eu estarei encantando de seguir poñendo o meu grao de area creando ilusión. Seguirá habendo rifirrafes políticos, e que non falten nunca, porque nunca choverá a gusto de todos; xa sabemos que uns bombardearían a 'Paelleira' e outros asfaltarían Samil; que uns volverían encher Vigo de tranvías e outros meterían o AVE polo medio da Gran Vía, aínda que todos coindiciriamos en que os diferentes poderes da cidade teñen que deixar de porse a zancadilla para que o que noutros lugares se fai nun ano aquí non leve dez. Tamén coincidiremos en non entender demasiado esas 'Escobas de Ouro' que lle outorgan á cidade cando os domingos pola mañá as beirarrúas e as prazas céntricas aparecen convertidas en auténticas cloacas cos restos dos detritus do botellón, e onde máis dun negocio de hostalaría é quen de montar a terraza enriba das vomitonas dalgún adolescente descarriado. Pero salvando esas pequenas cousiñas, temos a sorte de vivir nunha cidade que sempre sentíu como entre as Cíes e Cabo Home entraban aires novos que a renovaban e que a facían multicultural e tolerante. Os pantalóns vaqueiros bermellos ou verdes que hoxe tanto se levan, xa os lucían os traballadores das plataformas petrolíferas nas verbenas de Coia ou Cangas hai trinta anos cando viñan de vacacións. Cando os rapaces de Compostela ou da Coruña aínda andaban co zapatito castellano e o abrigo 'Loden', no 'Kremlin', no 'Roi' ou no 'Ruralex' vigueses xa abundaban os zapatos 'boogies', os pantalóns 'pitillo-tequileiros' e os pelos de cores lucidos polos modernos de Torrecedeira, Vía Norte ou Coia.


E con Coia quero quedarme para rematar estas liñas, por ser un dos máximos exponentes da evolución da cidade olívica das últimas décadas, co permiso de Teis, de Navia ou do Calvario. Cando eu viña de fin de semana a Vigo nos fináis dos 70, campaba un enorme letreiro que dicía 'Coia, a Cidade da Caixa de Aforros'; aí naceron e viviron milleiros de novos vigueses con orixes familiares en Ponteareas, Monforte ou O Carballiño. Coia víu progresar ós seus fillos, víu tamén como algúns se perdían polo camiño, á mesma hora na que se perdía 'Ascón'; pero víu de novo como rexurdía a calidade de vida entre os seus xardíns co pracer de atoparse coa xente normal, esa que xoga ás cartas na rúa, a que pasea ós seus nenos e os seus cans e a que gusta de empaparse na Fonte das Travesas cando hai algo que celebrar. Alí viviron e viven moitos dos meus amigos, e gusto de andar en bici entre o seu céspede, e sentirme un máis desta cidade que elexín para vivir. Non me incomodan os chistes de ourensáns, porque querendo como queremos a esta capital do sur de Galicia, os que de alí chegamos sempre mezclaremos o arrecendo a salitre da Ría cos aromas traídos dos nosos ríos. E iso é xustamente o que engrandeceu e engrandece a esta cidade de mestizaxe, na que xa temos botadas raíces e da que nos queremos seguir sentindo orgullosos.


Te puede interesar