Opinión

QUE INVENTEN ELES

Na entrega de premios 'Xeración Viguesa 2012' celebrada no auditorio da ONCE, e onde participei como mestre de cirimonias, tiven o pracer de conversar con profesores e alumnos do Campus vigués que, xunto co de Ourense, deron vida ó satélite 'Xatcobeo' do que nos sentimos tan orgullosos. Resulta moi gratificante falar con persoas da talla do profesor Fernando Aguado ou de Alberto, un dos alumnos que acudíu a recoller o premio, decatándome de que a súa grandeza está na súa humildade á hora de escoitar ós que coma min non temos nin idea de todos os mecanismos que conforman o picosatélite, posto en órbita a través do voo inaugural do foguete espacial 'Vega' en colaboración co Instituto Nacional deTécnica Aeroespacial; converténdose en todo un éxito educativo e científico, xa que ás duas horas do seu despeque da lanzadeira xa emitía sinal, establecendo contacto coa estación de seguimento da Escola de Enxenería e Telecomunicacións da Universidade de Vigo.


Pero á marxe das características técnicas e de todo o relacionado coa preparación do proxecto, o que nos quedou claro na conversa foi ese distanciamento que en moitas ocasións parece haber entre o mundo da ciencia e da cultura co resto da poboación; entre os que crean e os que utilizan ou disfrutan das creacións; distanciamento provocado en non poucas ocasións, querendo ou sen querer, polos propios creadores e investigadores. Nesto coincidiamos os participantes nesta tertulia improvisada, salientando o caso de Vigo, no que a distancia física do campus universitario, situado tan lonxe do centro da cidade, non favorece en nada a interacción co resto dos cidadáns.


Está claro que precisamos máis ca nunca das nosas Universidades e dos nosos investigadores, ós que hai que mimar por ser a única posibilidade que temos de sair deste tunel no que andamos metidos, e porque son a esperanza de cara ó futuro; porque do contrario teremos que seguir vendo impasibles como as nosas mellores mentes emigran ós Estados Unidos ou a Alemaña onde son recibidos cos brazos abertos. Pero tamén é certo, volvendo ó tema anterior, que esas mentes, eses profesores e esas institucións, teñen que ser coñecidas e recoñecidas polo pobo que as fai posibles; e será obriga dos medios de comunicación facerse eco de todo o que acontece dentro das súas aulas e dos seus laboratorios e centros de investigación; pero dame a impresión de que mentres os telediarios e os periódicos sigan dedicando a metade da súa información a falar de todo o que rodea ó fútbol, e nin sequera do deporte en sí, pouco temos que facer. E se a esto lle engadimos que moitos culturetas seguen facendo seu aquel lema do Despotismo Ilustrado de 'Todo para o pobo pero sen o pobo' pois a cousa pinta mal. Non se trata soamente de que o pobo llano merque libros ou visite museos, trátase de reoñecerlle a ese pobo a capacidade de opinar e de facer valer os seus criterios, sexa no ámbito da literatura, do cine, da televisión ou da política; non vale utilizar o sacrosanto nome do 'pobo' cando convén para pedirlle o voto ou venderlle algo, e despois poñelo a caldo cando vota a quen non nos convén, ou decide ver as películas que máis lle apetece ou sintonizar os programas televisivos que máis lle gustan, pasando olímpicamente de críticos, programadores ou asesores. Se o pobo é sabio para unhas cousas tamén debe selo para as demáis, e se queremos que sexa máis sabio démoslle, démonos, ferramentas para conseguilo, pero sen falsos paternalismos.

Te puede interesar