Opinión

GRÂNDOLA VILA MORENA

Escribo isto a 25 de Abril, unha data que non me pasa de longo. Acompáñame de fondo unha selección escollida das mellores cancións do Zeca Afonso, aquel trobador portugués que ó lado de Vitorino fixera estremecer a uns centos de militantes da causa nunha fría tarde de inverno na Casa da Xuventude ourensá. Concerto inesquencible por memorable e emotivo, onde soaran aquelas cancións que os aprendices de cantautor tratabamos de reproducir nos nosos propios recitáis, lembrando con especial cariño os que fixen no Instituto de Verín e no Concello do Carballiño, combinando o 'Castrelo de Miño' de Miro Casabella cos 'Vampiros' do Zeca ou co 'Digo Vietnam e basta' de Celso Emilio. Xa choveu, tanto aquí coma en Portugal, onde alguén con bastante dose de humor negro díxome que cambiaran o lema 'o povo unido nunca máis será vencido' das coloridas manifestacións lisboetas do PCP polo de 'o povo unido unido nunca estivo tan fodido' das manifestacións desta nova 'Geraçâo à rasca' que, o mesmo que lle pasa á deste lado da fronteira, ve como o tempo pasa por ela sen que ela poda pasar polo tempo. E nesta data, o tempo lévame ata aquel 1974 cando escoitara por primeira vez a 'Grândola Vila Morena', unha das cancións, xunto con 'E Despois do Adeus' de Paulo de Carbalho, máis identificadas coa 'Revoluçao dos Cravos (caraveis)' e que o mesmo que marcaba a fin da etapa salazarista de Marcelo Caetano no País veciño, significaba para moitos o inicio do fin da era franquista no noso, coa diferencia de que por estes lares a non poucos militares íalles costar moito aceptar aquela estrofa do Zeca que os uniformados portugueses fixeran súa, 'o povo é quen máis ordena'.


E con toda seguridade era iso o que pensaban os actores máis implicados no cambio político daqueles anos, que había que conseguir que fora realmente o pobo o que ordenase, a través dos seus representantes, a maneira en que quería ser governado, coas alternancias propias do sistema democrático e coas diferencias e discusións máis ou menos acaloradas propias da condición humana cando se trata de defender os principios nos que un cre. Pero nestas datas, nas que se conmemora aquel abril portugués que soubo facer historia cambiando as balas por flores, e que un ano e medio despois puido ver como ó outro lado da fronteira os seus veciños tamén sabían facer historia á base de moito perdón e moitas ganas de volver situarse no mapa da Europa democrática e moderna, eses dous 'povos que máis ordenan' decátanse de que cada día ordenan menos e, o que é pior, os que deberían ordenar no seu nome son tomados polo pito do sereno en non poucas ocasións por non poucos poderes ocultos, ou non tan ocultos. E alguén con gran sentido do humor, negro, pero humor en definitiva, faime chegar as portadas de 'Hermano Lobo-Semanario de humor dentro de lo que cabe' do ano 75 que mesmo dera a impresión de estar feitas hoxe mesmo; aí van un par de exemplos: 'La crisis económica ha tocado fondo, ahora ¡a excavar!', 'Habrá que ir a la formación de un gobierno de sálvese quien pueda'. Ou, para rematar, unha viñeta ben terrible pola actualidade que pode ter 37 anos despois: '¿Conoce el acusado sus derechos?-Sí señor-Pues olvídelos'.


Hai algo moitísimo pior que perder o poder adquisitivo, e é perder a dignidade, e como esta Europa falsamente unida e con perigosa tendencia a 'lepenizarse' non faga algo e rápido, as viñetas de 'Hermano Lobo' serán un conto infantil comparadas coas que poderán debuxarse.

Te puede interesar