Opinión

FESTIVAL DE XARDÍNS DE ALLARIZ

Mentres medio Allariz estaba celebrando en Compostela o 25 de Xullo, eu por compromisos familiares acudía á Vila e Corte aproveitando para visitar a terceira edición do Festival Internacional de Xardíns, que baixo o lema 'Galiza, o País da auga' está instalado na marxe dereita do río Arnoia. As propostas dos deseñadores chegados desde Galicia, Austria, Serbia, Portugal e o resto de España fixeron que o paseo matinal festivo e artístico, que eu prolonguei desde o Arnado ata O Briñal, fora un auténtico luxo para os sentidos. Pola tarde pretendía ir mollar os pés á Acearrica pero unha ameazante tormenta fixo que desistira dese reencontro cun dos espazos máis queridos dos meus primeiros anos, aqueles tempos nos que non existía ningunha 'prima' que nos puxera en 'risco' e onde a única preocupación que tiñamos era que ás nosas nais non se lles dera por cambiarlle o papel pintado ó salón manténdonos secuestrados dous ou tres días dentro da casa, ou que volvesen teimar con aquelo de que tiñamos demasiado tempo libre para andar de 'vagabundos' e se empeñasen en matricularnos nun curso acelerado de solfeo na casa do recordado Ramonciño. Aínda así, con cursos, clases particulares, ou bricolaxes varios, a verdade é que había tempo de sobra para bañarnos ducias de veces naquelas augas cheas de xuncos e rás, que dependendo do día que tivera a fábrica da'Ilepsa' viñan máis ou menos leitosas, ata que en agosto chegaba o francés rico coas súas fillas, tamén ricas, para poñernos os dentos longos e o río enlamado cos seus pases de lancha rápida entre a Ponte Románica e a Presa do Burato para envexa dos que a divisabamos desde a varanda da Alameda.


Se o verán é a estación fantástica para os nenos e rapaces de todas as épocas, érao especialmente para aqueles 'nenos da rúa' que non tiñamos máis horario que o marcado polas comidas, e moitas veces nin eso, porque as nosas marabillosas nais eran quen de aparecer no río coa merenda-cea á base de filetes empanados, tortilla e pementos de Seixalbo que sabían gloria. Sabiamos da existencia de Baiona, Samil ou O Grove, xa que Sanxenxo aínda non estaba de moda, pero asegúrolles que non envexabamos nada ós poucos amigos de familia de máis posibles que desaparecían uns días con eses destinos vacacionáis. En Allariz o único que nos preocupaba ós rapaces de entón era que chegara pronto o primeiro de agosto e con el as ducias de autobuses procedentes do País Vasco que nos traían un ano despois ós amigos e ós amores, co desexo de que ese mes se fixera realmente interminable, naquela nosa vila que xa era un dos lugares máis paridisiacos de Galicia. A felicidade viña de algo tan sinxelo como compartir un porrón de viño con gaseosa na terraza do Romero ou das cancións saídas da gramola do Bar 'San Lorenzo' do que Alejandro, o seu propietario, ben ten gañado o ceo por ternos aguantado sen 'facer un peso de gasto'.


Todo isto recordaba este pasado mércores paseando entre os xardíns do festival, ó que soamente lle falta que medren as árbores plantadas hai tres anos para que o lugar sexa todo o idílico ó que se aspirou coa súa creación, pero iso xa depende máis da propia natureza que do pulo humano. Eu que agora vivo pretiño do mar, volvo con asiduidade a reencontrarme con estes espazos das beiras dos ríos que tantos gratos recordos me traen, de épocas nas que con toda seguridade dispoñiamos de moitos menos medios en tódolos sentidos pero que seguramente eramos moito máis felices


Te puede interesar