Opinión

Cuore, fútbol e Froilán

O mesmo que os adictos ó fútbol almorzan cada luns coa prensa deportiva, cada mércores eu agardo impaciente a que chegue o “Hola” recén saidiño do forno; unha maneira coma outra calquera de que o amarelo suavice a negrura xornalística que nos acompaña e afunde cada día.

Porque miren, mentres a nós se nos atraganta o almorzo con ese novo familiar que nos apareceu de repente con nome de prima de risco, as “Nenas Mónaco” seguen inaugurando tendas de moda e paseando os seus encantos por Saint-Rémy, París ou Manhattan. Mentres o señor da mesa do lado matina de onde vai sacar os cartos para pagar a hipoteca, o papel couché reflicte ós Duques de Alba paseando o seu amor pola Semana Santa sevillana coa única coita, que non coito, de saber se Cateyano e Genoveva se dan unha segunda oportunidade. E mentres a incisiva xornalista Ana Pastor disecciona na tele matinal a algún ministro que pasaba por alí con cara de ter pouco bo que contar, estas páxinas de impecable traballo fotográfico fan que botemos unha bágoa de emoción vendo o impactante momento no que Francisco Rivera “Paquirrín” e Jessica Bueno nos confirman que agardan un novo fillo. E mentres nos embarga o sentimento de que se está índo todo a tomar por saco, a revista trata de sacarnos o lado tenro mostrándonos as infatiñas protagonizando a saída da Misa de Pascua en Palma, onde os duques de tal cidade faltaron por razóns obvias ó posado que cada ano nos ofrece a familia real.

E dirán vostedes que é unha maneira ben estúpida de perdelo tempo, e non lles faltará razón, pero asegúrolles que este mércores especialmente gris e deprimente, ou era iso ou era poñerse a pensar perigosamente por onde ías comezar coa rebarbadora. Home, tamén cabía outra opción intermedia, que viña sendo a de cambiar o “marujeo” da prensa do corazón por un acto de reivindicación cultural optando polo “Marca” como complemento ó café con churros, e tratar de facer un comentario de texto sobre as últimas declaracións dos doutores Mourinho, Guardiola ou calquera dos moitos ilustres que cada semana fan do balón toda unha experiencia metafísica, analizando polo miúdo esa frase lapidaria de “lo importante son los tres puntos” ou declaracións tan sustanciosas para a polémica como a de Carles Rexac cando dí que “El Real Madrid perdió la identidad como antes ya le había pasado al Barça”; asuntos estes de tanta transcendencia para o País como o de averiguar que facía Felipe Juan Froilán de Todos los Santos Marichalar y Borbón cunha escopeta cargada nos montes de Soria, provocando en “Twitter” comentarios tan inxeniosos como o expresado por Alejandro Marcos, “Froilán tuvo su primer gatillazo a los 13 años”. Menos mal que aínda queda moita xente con sentido do humor, porque con humor hai que tomar as declaracións da raíña aboa cando á saída da clínica declarou que iso son cousas de nenos; ai Sofía querida, ás veces é mellor non dicir nada.

Pois iso, que entre primas con prácticas de risco, e declaracións de máis risco aínda saídas por boca de responsables ou irresponsables mandamases do deporte, da política, ou da relixión, decido entrar na páxina de eurovision-spain.com e “frikear” cos preparativos da gran cita audiovisual de Azerbaijan, aprendéndome de memoria algunha das cancións que van competir contra Pastora Soler en Bakú o próximo mes, mentres lle contesto a unha xornalista dun periódico semanal gratuito que me pide un resultado para o derbi galego do domingo. Non o dubido, 2-1.

Te puede interesar