Opinión

Cousas da moda

Se hoxe nos preguntan que “outfit” é o que máis se leva polos seguidores acérrimos da moda teríamos moi complicada a resposta, porque soamente hai que sair á rúa para comprobar que cada quen vai según lle peta, ou como moito o que lles marcan os chamados “influencers”, dos que sigo sen entender o seu poder mediático.

Non hai tanto tempo que os grandes deseñadores creaban un estilo para cada tempada, pasando nun plis plas do pantalón “pitillo” ao ancho dos anos 70, ou das teas multicores á sobriedade do negro; pero hoxe en día podemos atoparnos nun curto paseo polo centro das cidades con toda unha variedade enorme de deseños, materiais, feituras e estampacións. 

Penso que nunca houbo unha liberdade máis grande á hora de vestir, onde xa case nada chama a atención; os máis novos poden pasar de rizarse o pelo a planchalo para mimetizarse cos seus colegas, todos eles lucindo aqueles calcetíns brancos de deporte que hai nada significaban ser o máis hortera do mundo, ou emular a calquera dos seus ídolos futbolísticos ou reguetoneiros, con eses cortes de pelo imposibles que lles fan nas rebautizadas “barberías” que medraron cal champiñóns en tempo de choiva, onde por certo cada día van menos barbas porque a moda “hipster” pasou a mellor vida; e cun aumento considerable de locais dedicados ás tatuaxes que de novo os futbolistas puxeron de moda.

Sempre vos dou a matraca da enorme influencia que poden ter estes deportistas na xente máis nova, tanto á hora de adiantarse en poñer pendentes, tinguir o pelo ou encher a súa pel de debuxos e mensaxes máis ou menos chamativos, pero aproveitando ese poder de convocatoria gustaríame que se “mollasen” máis en facer de altofalantes de causas que tanto necesitamos potenciar entre a rapazada, sexan feministas, inclusivas, ou tolerantes. Xa sei que son moi novos, e á maioría deles o que realmente lles preocupa son os tres puntos de cada xornada, pero alguén podería facerlles ver que o que eles digan e fagan chégalle a millóns de rapaces e rapazas que os ven como ídolos a imitar. O que diga Iago Aspas ou rapaces tan novos como o futbolista Gabri Veiga ou o tenista Carlos Alcaraz, pode facer que moitos adolescentes se cuestionen o seu xeito de pensar sobre temas ben importantes. Eses ídolos de masas, ademais de exercer de modelos publicitarios, sí que poderían converterse en auténticos “influencers” pedagóxicos que axuden a pais e educadores na difícil misión de facer dos seus cativos personiñas de proveito. Ben é certo que isto implica que eles, modelos a imitar, deberán ser exemplo de conducta dentro e fora dos recintos deportivos, e ás veces a curta idade ou o éxito repentino impídenlle reflexionar e posicionarse sobre determinados asuntos de gran calado.

E, en canto á moda, que cada quen vaia como lle pete, porque poñamos o que poñamos sempre acertaremos, aínda que os máis novos e inseguros tratarán de seguir o que “impoña” o máis avanzado do seu grupo de amigos; e se hai que ir con “pinkies” en inverno ou con calcetíns deportivos ata o xeonllo en pleno mes de xullo, pois vaise e xa está. E en canto aos seus ídolos, tratar de no envexarlle moito os seus “outfits” de carísimos “gucci” ou “Dsquared2”. Unha boa actitude cuns vaqueiros de mercadillo, unha camiseta branca e unhas zapatillas normaliñas son quen de “roubarlle o show” a quen moitas veces non sabe que facer cos cartos.

Te puede interesar