Opinión

O cordeliño de 262 euros

Co paso do tempo é normal que as cousas se vaian deteriorando, ata un simple cordel que acciona o mecanismo dun estor de “Velux”; o que xa non é tan normal é que cando ese cordeliño se rompe teñas que cambiar pouco menos que toda a casa. Saben do moito que disfruto compartindo estas pequenas cousas domésticas cos lectores, ós que lles pasa o mesmo ca min pero non teñen a sorte de poder amplificar o seu cabreo.

Pois aquí me teñen para facelo por vostedes. ¿Cómo é posible que corenta e tres anos despois de que o home chegase á lúa non se poida repoñer un simple cordeliño en vez de ter que cambiar todo o estor con marco incluido?, ¿cómo é posible que desde ó servicio de atención ó cliente se nos responda que “el cordón no tiene reparación, tiene que cambiar todo el estor”?. A cousa está clara, para os que somos uns auténticos inútiles neso das reparacións domésticas e temos que recorrer a especialistas ata para programar un DVD, está eso que se da en chamar o “servicio técnico”, onde polo simple feito de que alguén se achegue ata a túa casa a botarlle unha ollada ó problema xa tés que contar con media nómina para pagar o desprazamento, o que nos provoca a dúbida de se é que estes profesionáis acoden a traballar en limusina ou é que os envían directamente desde Madrid. E ollo, que a miña queixa non vai contra estes traballadores que che solucionan o problema, porque a bó seguro que os seus soldos en nada se corresponden ás facturas que deben emitir en nome da empresa á que representan; a miña queixa é a de sempre, canto máis avanzamos en ciencia e tecnoloxía, máis complicado resulta arranxar calquera cousa, asentados como estamos nese estado do “usar e tirar”, onde compensa máis mercar unha nova impresora que renovar os cartuchos de tinta, onde os teléfonos móbiles non duran máis de dous anos e onde as lavadoras e as lámpadas dos coches están programadas para deixarte colgado á primeira de cambio.

E falando de coches, sorpréndense os concesionarios de que os conductores non pasen por eles para revisar os seus utilitarios; o que ocorre é que os conductores prefiren xogarse o tipo na carretera con aceites caducos, rodas peladas e escapes perforados antes que sufrir directamente un infarto de miocardio ó ver reflictidia na factura o prezo da chamada “man de obra”, que dera toda a impresión de que a tal man pertence a algún dos mellores inxenieiros da NASA, con tódolos respectos para os excelentes profesionáis que como xa dixen nada teñen que ver con estes despropósitos de prezos en tempos de crise, e sen ser de crise. Despois extrañámonos de que proliferen os talleres clandestinos e os “chapucillas” que cobran en “B”.

Pois eu acúsome públicamente de andar buscando estes días xustamente iso, un manitas que lle reinstale o ditoso cordeliño ós meus estores para evitar sentirme estafado tendo que pagarlle a VELUX, según a súa propia páxina web, as seguintes cantidades: Cortina de oscurecemento de accionamento manual: 152 euros; desprazamento do técnico: 35 euros; instalación: 75 euros. Total: 262 euros. O prezo do cordeliño sería aproximadamente de UN euro, e o tempo que lle podería levar a un manitas en colocalo, con descanso incluído, sería de media hora. Pero curiosamente desde a empresa e desde as tendas especializadas da marca dinme que ese cordeliño é insubstituible. Pois eu, que como saben son moi cabezón en tódolos sentidos, voulles demostrar que sí é posible. Xa llo contarei a vostedes e a VELUX.

Te puede interesar