Opinión

Bañadores de paseo

Non te preocupes querido J.J. Feijóo, porque tal como andan as isobaras non vai haber moita ocasión de padecer eses esperpénticos desfiles de bermuda-bañador floreado polo centro das nosas cidades; salvo se viaxamos a Compostela, onde os turistas, coñecedores do lema “Santiago donde la lluvia es arte”, ármanse de plásticos transparentes nas tendas de “souvenirs” para protexerse e poder seguir exhibindo as lorzas cervexeiras e mesmo as sandalias tipo alemán, abertas e complementadas con calcetín branco, tanto para os seus paseos polas empedradas rúas da Capital de Galicia como para ir darlle un abrazo ó Apóstolo quen de boa gana sairía correndo. Se por Ourense podemos ver de xeito ocasional algún destes modeliños desfilando pola Rúa do Paseo, en Vigo a “pasarela dos horrores” reinaugúrase cada semana en canto algún cruceiro de luxo atraca no Porto, desparramando pola cidade toda clase de imposibles “modelámenes”. Pero se o que queremos realmente é gozar co máis fashion da extravagancia horteril non temos máis que apostarnos en calquera das terrazas da compostelá Rúa do Franco onde asistiremos a un gratuito desfile “Prêt-à-porter” difícil de igualar en calquera outra parte do mundo, salvando os supermercados ianquis , convertidos moitos deles en auténticos museos vivintes dos horrores. Por se alguén quixera ver nas miñas palabras un límite á liberdade de expresión corporal dicirlle que nada máis lonxe da realidade; non vaiamos confundir a expresión do mal gusto coa liberdade de levar roupas e peiteados como cada un queira, faltaría máis. Pero se levamos uns aniños tratando de combater o feísmo endémico de Galicia, incluámos tamén, por favor, o “mundo bermuda floreada” que tanto atrae a xóvenes e non tan xóvenes en canto chegan os ansiados primeiros raios de sol, que este ano parecen esquencerse de que no corenta de maio todo o mundo quita o saio. Xa nos chegaba coa absurda moda xuvenil de lucir horrorosos calzóns mollados baixo a bermuda colocada intencionadamente a media asta como simbolo distintivo da manada nos areáis e céspedes galegos, como para ter que volver sufrila na posteiror hora das cañas polo centro das vilas e cidades, converténdoas en algo parecido ó paseo marítimo de Benidorm, onde lles xuro que teño presenciado o que alguén deu en chamar o exemplo máis claro da España profunda, á que se une con gran algarabía unha boa manda de súbditos da raíña de Inglaterra, nos que o grao de desborde cervexil é directamente proporcional á cor de camarón da súa pel, unindo ós seus encantos pectoráis os non menos encantadores bañadores mercados a granel no “chino” de turno.

Non é cuestión de maior ou menor poder adquisitivo, nos mercadillos podemos atopar auténticas marabillas a prezos irrisorios, e tampouco é unha cuestión de indecencia, xa que esta é unha palabra que ten mellor aplicación destinada a coñecidos personaxes impecable e protocolariamente ben vestidos ; é unha cuestión pura e llanamente de educación estética, a que lexitima a prohibición de entrar en bañador en determinados lugares, sexan éstes espazos culturáis, educativos, relixiosos, sanitarios, ou mesmo de esparcemento; e no sempre polémico tema do paseo polas rúas en panos menores, por moi de baño que sexan, eu entendo que non é tanto cuestión de prohibir, que xa hai demasiadas cousas prohibidas, como de educar en civismo e urbanidade, palabra ésta que está desgrazadamente en desuso e que non estaría demáis volver poñela en alza.

Te puede interesar