Opinión

ABOIANDO

Non hai moitos días este mesmo xornal daba o titular de que os españois se atopaban entre os máis infelices do mundo. Esta mesma semana o CIS parece corroborar esa noticia afirmando que o españolito medio reflicte estar nun estado case depresivo; e iso que eu sempre pensei que eran os nórdicos os que, a pesares de gozar dunha calidade de vida óptima, tiñan o maior índice de suicidios debido en boa medida á falta de luz solar. A min dame a impresión de que os resultados das enquisas fluctúan dependendo da hora na que estean feitas, aportando datos arrepiantes cando son realizadas despois dalgún dos múltiples noticieiros televisivos ou tertulias radiofónicas. Contra iso non hai trankimazín que valia, nin unha caixa enteira sublingual consegue combater o empeño que parecen ter todos en levarnos ata as tebras do inferno.


Pero por outra banda, o pobo parece querer facerlle un permanente corte de mangas ó poder de turno; e non falo agora das lexítimas reivindicacións laboráis en forma de manifestación ou folga; falo de cando no día a día a xente decide rir, bailar, cantar, xuntarse para comer ou mesmo meterse nun autobús cara Fátima, con parada na feira de Valença ou Chaves e con ración de bacallau, vinho verde e cánticos trasfronteirizos á ida e á volta. Hai nada celebramos o Entroido e o pobo decidíu botarse en masa á rúa para reivindicar a alegría dando unha demostración palpable de que podemos estar tocados, pero nunca afundidos.


Equivócanse de cheo os nosos representantes cando soamente tratan de vendernos negrura; é verdade que estamos amolados e que a vida cambiounos moito nestes últimos tempos; somos conscientes de que se alguén non o remedia aínda o imos ter que pasar bastante pior; o cal non significa nin que esteamos resignados nin que comulguemos con rodas de muiño alemanas, francesas ou norteamericanas; porque nun País no que sae o sol cada nañá máis brillante ca nunca non imos permitir deixarnos atrapar na 'saudade' do fado do País veciño, onde moitos sí que asumiron que viven nun estado de crise permanente; ou así o parecía ata que a 'xeraçao á rasca' saíu á rúa para recordarlle os seus gobernantes, de todas as cores políticas, que non están dispostos a que milleiros de xóvenes queden sen aportar toda a seiva boa e nova que levan dentro.


De Portugal acabo de chegar cando me poño diante do ordenador; comprei prantas, doces, tomates e un par de cousas que non precisaba para nada, pero o mesmo que salgo a comprar libros tódolos meses e algún 'conjuntito' para as miñas aparicións televisivas, de cando en vez fago gasto polo puro pracer de facelo, porque entendo que coma todos nos metamos na casa e soamente miremos para os nosos aforros ou para as nosas hipotecas, esto non o levanta nin vinte caixas de viagra. E a pesar de que igual co resto do mundo que me rodea teño cen motivos para cabrearme, procuro cada día buscar a maneira de botarlle un pulso ó desánimo e atopar algo ou alguén con quen botar unhas risas, desas que din que prolongan a existencia.


Non me cabe dúbida de que ese dato do CIS onde un 90% dos enquisados ven con pesimismo a ecomomía do País é absolutamente certo, pero non é menos certo que neste sur de Europa e neste noroeste peninsular somos especialistas en aboiar por moi bravía que se presente a marexada; o único que pedimos é que diante dun caso de hipotético fundimento non quedemos sen as lanchas salvavidas, e no pior dos casos, que alomenos queden flotadores e bombíns para darlle aire.


Te puede interesar