Opinión

Xira o mundo

Re-escribe a historia a podremia revisionista subsidiaria sempre da barbarie capitalista que engloba, enmaraña ou enreda calquera paisaxe da vida celular ou pluricelular. Un home e un rato, cabo de todo, son unha mesma cousa, aínda que o ollo que nos afecta e ilusiona, percíbaos distintos e tantas veces distantes. Así as cousas, un, que non sabe moi ben o que é arestora no acoro coma no desiderato, ten visto a uns e a outras exercer nos distintos oficios e outras disciplinas científistas nacidas no seo da burguesía tan soez como depredadora e corporativa. Nas tabernas do soño dunha noite de verán, sen un Shakespeare que levar á boca agraz e devecente, o home pasma cos discursos dos fiscais adscritos ao imperio das “marcas brancas”; ben de apócemas ou fármacos milagreiros garantidos pola OMS e outros laboratorios subsidiarios da usura que deu orixe á bolsa e a vida derivada na banca que vai e vén en distintas acepcións ou nomenclaturas, sempre co tanto por cento por bandeira, pavillón de acollida de calquera ente do status quo. É unha linguaxe mecanicista, tan vulgar como artificial e/ou banal. O mundo detrás ou dediante do espello, puñeteira mica moscovita dos camiños do vivir e non ser, aqueles que descubrira Otero Pedrayo denantes do serodio das horas, transposto en Adrián Solovio arredor de si. Son os valores de cambio ou troco da burguesía piedosa, se me permiten o uso non indiscriminado do plural máis alá do accidentalismo de calquera forma das gramáticas transidas e traizoadas por calquera regra de tres, tan de simples cal interpostas. Capital igual a interese por rédeto e tempo, explicaba o “colono” nas arcanas escolas de comercio que deron pé ao labirinto burgués no que se multiatomizou mesmo o dereito natural coma o consuetudinario, e de porparte, as universitarias empresariais e outras circunstancias da Universidade que in illo tempore denunciaba ad hoc o exfalanxista católico e sentimental López Aranguren, quen comesto polo atardecido da piedade fora desposuído da súa cátedra de ética na mesma patria que el axudara a crear antes e despois da longa noite de pedra, co Infame no poder que aínda hoxe non desapareceu, a quen lle poñen unha candea no Pardo de cervos cimarróns abatidos nos maseiríns do oprobio, ai! Aznar, Rajoy, Felipe González, e os xefes de calquera estafa do mundo, dende África a esta Gallaecia que agora moitos seres descobren impenitentes e misericordiosos, por seguiren, acaso uns e outras, a consigna xesuítica do Pastor.

Francisco que hoxe goberna o mundo dende ese anaco de Roma que chaman civilmente Il Vaticano, onde van e veñen unha morea de virxes idiotas e outros subsidiarios de calquera teodicea patética, mentres os crentes (ou non) fan o seu agosto en calquera mes do ano.

Onde solicitar do status un certificado de pobreza sen fronteiras? É algo que non sabe moi ben explicar sen se atrapallar o funcionariado á matenta do imperio burgués, mentres os xuíces do sistema, na súa independencia colaboran coa ladroeira institucional, conmovidos polas súas desgrazas en branco e negro, e de colorete os domingos e outras festas de garda desta España que Machado denunciaba de Frascuelo e María.

Aínda está entre os “fixos-discontínuos” (unha formulación do espolio), un acelerador que moitos homes e outras mulleres chaman inutilmente de partículas: outra das grandes obsesións do imperio capitalista, como a auga e a electricidade, da Altamira “española” para aquí.

Estou nunha tarde calorosa de Burgos, capital do oprobio franquista. Vou camiño de Nafarroa que tantos e tantas queren inútil Reino de Navarra. Escribo un poema no gardanapos dun café sen nome. O tempo é inconsútil, como esa muller de area que agarda as nove ondas da noite no mar da Lanzada. E todo parece unha canción de Domenico Modugno, estoutra tarde no almanaque azul de Cambados. Cabanillas o poeta, pasea as súas indiferenzas polas tendas pechas do último Mondariz. Vai de ghanchete da Pardo Bazán e outros mortos ilustres, incluída a xinea dos Peinador, e catro Bugallales, que tanto ben fixeron, así na Coruña como nos empardecidos grises do río dos Gafos… Tempo de Pontevedra.

Te puede interesar