Opinión

Vita nuova?

Empregamos de Dante Alighieri máis nada que o titulo da obra que vostedes coñecerán, que en galego daría -ad litteram- vida nova, ou nova vida, segundo estimen conveniente, texto que non fai aquí ao caso, se non é polos días a pasar deste 2014 e xa nas dez últimas xornadas deste xaneiro onde os servizos meteorolóxicos do Imperio anuncian temporais de toda caste, cal se fosen novidades ou descubrimentos sui generis da ciencia común e incomún. Arestora sobardan ou desbordan distintos os ríos como antano non rebordaban, e non deixa de levar sorpresa e razón a babecada instruída a sangue e fogo pola barbarie capitalista, entre sobresaltos e sotelos. Axiña, logo da risa prende no homo o pranto, cando non a desesperanza, cos distintos nomes que siquiatras e sicólogos propoñen para as doenzas da ánima. A choiva e a falla de luz apouca á xente, aseguran os expertos, algo do que xa temos lido a propósito do vento que inflúe moito nos suicidas, pero o ser humano en ningún estadio da historia deixou de se matar en calquera primavera de abril e florecer de maio. A depresión foi de toda a vida un termo ou definición xeográfica que no ano 1929 usou Wall Street cando crebaran a usura, a estafa e o engano nos EE.UU. Logo de Freud e outros grandes siquiatras da historia, estes e os sicólogos institucionalizaron a devandita nomenclatura para tristuras e desleixos, cuxas orixes ben poderíamos procurar noutros mananciais da vida. A xénese patolóxica, no seu desevolvemento, como calquera outra eiva produce ou deixa de producir unha ou varias substancias necesarias para a tentativa do equilibrio infinito, e non sempre son as acertadas as que dispensan os profesionais da saúde mental por máis que eles tenten ata a desesperación tratar o desvarío. Non, abofé que non. A desesperanza maniféstase por mor de moitas circunstancias, e cecais a económica sexa a máis común delas, así no mundo exceptivo da opulencia, como no dos desherdados, espoliados e explotados. Andamos todos na corda. O ataque ao imperio dos sentidos e dos sentimentos é implacábel de porparte da burguesía diñeiraria, sexa cal sexa a moeda de troco, o valor de cambio. Enténdase ben. De antigo ouvimos dicir que as penas con pan son menos penas, pero iso non quita de que tamén sexamos proclives á tristura na fartura. As liñas precedentes abofé que proceden da vella literatura, que no é máis que un intento de explicar a diacronía do vivir, como fixeron e fan as autoras e os autores de nós, e tamén os próximos e aínda os máis distantes na interpretación do espazo e o tempo, por iso un non acredita a chamada “literatura de ficción”, porque esa non é máis nada que unha parte da realidade, sexa ela a xeito de conto, novela ou fábula, sempre coa posibilidade dos seus seus contrarios. Abocada a tristura está, mutatis mutandis, a pobreza, aínda que a riqueza non estea exenta destas doenzas, sempre en menor contía. Arestora, que fixen unha parada nos lonxanos camiños de ferro da miña adolescencia, acontecen na memoria unha morea de estacións coas súas cantinas ad hoc. Cabo desas xeografías o mozo lía unha tardiña de calquera historia Bonjour tristesse, de mademoiselle Françoise Sagan: “Sur ce sentiment inconnu dont l’ennui, la douceur m’obsèdent, j’hésite à apposer le nom, le beau nom grave de tristesse” (A ese descoñecido sentimento que entre o tedio e a dozura me obsesionan, dubido en lle dar o nome fermoso e grave de tristura”).

A vida non é nova. O tempo sempre aparenta deterse en calquera época de si, pero xa van alá, case, os primeiros trinta e un días deste xaneiro, entre chifros e chirimías. Axiña virán as Candelas de Castrelos, e o San Brais de Bembrive. Entre outra mesma luz e outro distinto vento, esta vita nuova (?). O capitalismo, cal un xeito de autocrítica patética terá que fundar algunha outra organización non gobernamental con máis autonomía.

Te puede interesar