Opinión

Vincallos e fronteiras

A abstracción que cabo de todo sempre e nada é a liberdade pode –hai uns anos- circular libremente –insisto- por calquera lugar da vella e mítica Europa raptada polo ruín liberalismo burgués que tanto odia ao socialismo real proposto por Engels e Marx. Lenin teorizou abondo máis alá do inútil imposto a sangue e fogo por calquera adversidade da historia común da explotación dun home polo outro. O patriarcado e o matriarcado eran o de menos, cecais máis nada que meras circunstancias nos camiños da existenza humana para manter viva a idea da felicidade: outro ensimesmamento entre a ataraxia e a nostalxia propiciada e defundida polos teócratas, antes e despois de Aristóteles e Platón; de Mahoma e Cristo, anunciadores de paraísos inútiles. Veñen de rematar no Islam os días do Ramadán, e nin sequera houbo unha tregua na éxtase procurada polas múltiples facianas e outras ánimas do capitalismo. O sirio Al-Asad, que é laico –para non se dicir ateo- non me sorprende nas horas derradeiras do xaxún, tal que vimos nas imaxes servidas ad hoc pola “informática” do imperio. Cal é a diferenta esencial entre os devotos a Santiago –poñamos por caso- e os mesmos homes e mulleres na Meca? Abofé que ningunha, malia que os santos e os santóns occidentais tenten argüír co decurso do tempo non igual en calquera xeografía do mundo que sabemos certo, aínda que amoreado dun sen fín de certezas e outras patéticas e non digo eu que in-nobres ignorancias. Os “milagres” da globalización sistematizada e outras vacuidades fixeron gromar un nenúfar xigante aquí mesmo, ao tempo que a liña da costa e dos cabedelos foi destruída pola especulación “do ladrillo” que arestora vén de denunciar Greenpace coa mellor vontade posíbel nesta e noutras historias de calquera infamia. Fagan vostedes “turismo” polo “litoral” galego, de todo o Morrazo ás tardes agrestes de Sanxenxo e Vilanova, sen se esquecer de calquera lugar do norte lugués e coruñés, alí onde case todo foi devorado polo “bendito progreso”, para que o boi solto e tristeiro ben se lamba, como esa parella dos últimos que agora teñen rexistrados (ben na Xunta, ou no Concello de Vigo) a bombo e prato, entre Cien años años de soledad e Pedro Páramo, por non referenciar a Dieste e Álvaro Cunqueiro, e na bibliografía máis acilorada (acelerada), Fole, Bouza Brey; o primeiro Vicente Risco; cecais Otero Pedrayo; ou o mesmo Castroviejo.

Caixón de alfaiate, que aínda din nas chairas inventadas do Condado de Meder, da unha á outra banda do Miño, ou Minho, que na fonética resulta “idéntica” a pronuncia. Pero iamos falar de vincallos e fronteiras, como algunha xeira parolaron Chomsky e Foucault. É, digo, a luz impenitente de agosto en calquera lugar do planeta e equidistantes hemisferios.

“Xa es libre”, díxolle a voz dos soños ao homo: “procura a túa historia…”.

Adif, seica “admite” –as aspas non son aquí de meu- (sic) “a curva de Angrois debería ter un freado automático”.

Nada pode resistirse á vontade perversa de calquera deus menor ou maior. Todo pende ou non do fío co que imos enfiando esta e outras historias. O máis doado é culpabilizar do disparate ao maquinista, e para o sistema a subsidariedade en leve pecado e menor penitenza.

Soñei, ña nai, contigo, e que ti regresabas cabo das elipses da vida e a morte. Mais todo é inútil, se deus está enriba das vontades asilvestradas e deixa pacer de cando en vez o rabaño nos claros do cordal; así señan do xénero que sexan.

Estampas da liberdade condicionada, dicía Valle-Inclán, despois de achegarse ás noites máis pechas e sinistras de Compostela, de retorno a Boisaca. Os almanaques mudaban inútiles e indiferentes o ano de calquera vitoria.

Te puede interesar