Opinión

Vidas públicas e privadas

Poñamos por caso os hospitais da Seguridade Social estatal, no troco de aquí: SERGAS, que coma vostedes saben, necesitan, pola súa “dispersión” antidemocrática e inconstitucional, de novos casaríos, sen saber moi ben da encarga e conta de quen van seren financiadas as construcións, nin cal o número de facultativos necesarios, e moito menos a caste e orixe das patoloxías a trataren nelas. O que si está claro é que o sacro dereito universal á saúde, por razóns múltiples e complexas, as máis delas impostas pola barbarie capitalista que asola calquera recuncho do mundo, xa que non acontecen nos días de aquí como no intempo de Ribadavia, para por un exemplo máis ilustrativo que real, sen que isto signifique unha aproximación ao humano. De maneira que nacer en Vigo non é o mesmo que morrer na señardade ferida de Castrelo de Miño, como un día denunciara Xosé Fernández Ferreiro, a propósito do encoro criminal que perpetrou, principalmente, o conde das forzas eléctricas do noroeste (FENOSA), que financiara con outros ‘estranxeiros’, na acepción non camusiana (Albert Camus), a sublevación fascista do xeneral Franco contra a República (española), na que Galicia non foi necesariamente unha excepción. A negada nación galega, máis alá do paradoxo, ten moito en común con calquera lugar da África profunda, e mesmo con calquera Asia menor ou maior onde o inicuo explotador retratado por Marx e interpretado por Lenin e mais Mao na mítica China hoxe esnaquizada cruelmente por ese patético esperpento que arestora representa o comunismo alí. As teses distintas e distantes do profesor Beiras cando a proposta d’O atraso económico de Galiza, aínda seguen vixentes, malia que lles doia a moitos, e aínda levando de conta a ‘evolución natural’ das cousas. A globalización aproximounos a todos por enriba de calquera podremia social. A garavata e os vaqueiros igualounos; a brutalidade da moda fixo o resto, pero non foi ela quen de erradicar a pobreza e outras miserias humanas, senón máis ben de acentualas abruptamente, cal non é outra a razón da burguesía que rexe no mundo, e que aínda hoxe ten a Wall Street como referente, para entendérmonos mellor. O demais forma arte e parte do anecdotario perverso e cínico dos camiños do vivir.

Entendo que o longo parágrafo precedente non constitúe ningunha digresión a propósito da proposta do enunciado, senón máis ben aclarar as contornas do espolio e a explotación alén de calquera fronteira do imaxinario, asi como a interrelación unívoca do capitalismo coa estafa ou latrocinio, a través de distintos axentes que bondadosamente contribúen a perpetuar o roubo, presentándoo ora coma unha necesidade social, cal condición sine qua non que nos conduce ao bendito progreso que contribúe á harmonía e benestar dos seres humanos, nos lindeiros do imposíbel, á procura de calquera paraíso que nunca foi tal.

Estampas cinexéticas escribiu menos hiperbólico o “castizo” español Mesonero Romanos. Panem et circenses, agora mesmo representado polos actores principais e outros figurantes do deporte español en xeral: “Nunca fuera Lanzarote de damas tan bien servido…” . “Por el imperio hacia Dios”, cando deus era unha metonimia da banca de San Carlos devida no Banco de España, xa abducido polo BCE (Banco -Central Europeo), que apadriña a toda a banca hispana, onde sexa, incluídas as andrómenas procuradas polos caloteiros que cofundaron as últimas caixas de aforro enriba da mortalla fedorenta dos montes de piedade. E a social-democracia, xunto coa dereita máis ruín e reaccionaria, a bendeci-las fusións cal fitos heroicos na historia de calquera tribo, como no seu día fixera Alberto Núñez Feijóo coas dúas ‘caixas’ galegas daquela maneira, trocadas nun anxo flamíxero nomeado Caixanova, o mesmo que foi fagotizado por unha criatura cuxo nome ningún de vostedes ignora. Os liquidadores á mantenta do sistema, entraron “a saco” nas arquetas dos beneficios, pero pretendían ou pretenden ‘socializar’ as perdas naturais do mercado, entre a oferta e a demanda.

E todo forma parte pois, da maraña, urdime ou enguedello do capitalismo, que violentamente está a se apropiar de todo, incluídos ensino, hospitais e transporte “publico, gratuíto e obrigatorio”, coa complicidade das distintas gobernanzas da democracia burguesa chantada no status logo da morte de Franco para aquí: “todo queda atado y bien atado”, dixo o infame un tempo antes de morrer.

O novo hospital de Vigo vaise construír, claro que sí, aínda que faga falla facer moitos máis recortes para matar a uns e beneficiar a outros: quero dicir os de sempre. Viva o meu dono! –exclamou Valle-Inclán, unha noite de xuño e lume saíndo do silencio estremecido de Boisaca.

Te puede interesar