Opinión

Entre a vendima e a castañeira

Creo que o título debémosllo a Otero Pedrayo que ergue na memoria de Trasalba, antes de entrar en Ourense cara as Chans de Amoeiro, deixando á dereita Arrabaldo (Santa Cruz) , de camiño a algures da xeografía sentimental. Pasou a primeira que lin por aí xenerosa e de excelente gradación e calidade, ou condición. Arestora xa a folla pasou polos ocres que ao poeta de Mondoñedo lle recordaban as estampas de Tintoretto, e inicia a leve danza do ar no tempo, como a dos castiros xa ourizados ou arregañados para o leve debullo entre os pés como no Lugo dos grandes soutos e breves pumariños nas paisaxes da infancia e calquera adolescencia. Eran os días grises do Infame e o nacional-catolicismo cando aínda o piñeiro e boneco da Coca-Cola non invadiran os fogares da nación negada, e os galos do abrente entoaban os qui-qui-ri-quis, empoleirados en paus a xeito de escadas cos chanzos comestos polos detritos e outros arrepíos na capital do Estado español, cal que logo lembraba o cantautor Pastor que vostedes saberán: “Todas las noches canta un gallo negro en Carabanchel”, logo de pasar polo sinistro TOP e as mans da BPS. Eran os “felices sesenta” que se prolongaron ata os derradeiros días do “Caudillo por la Gracia de Dios”, co estabelecemento da democracia burguesa e proclamación da Constitución aprobada por uns e outras onde todo -ou case- evocaba a vella sentenza de Lampedusa: “Cambiar algo para que todo prosega igual”. Xa estaba programado nos cadernos de bitácora da CIA, que aínda existe, ben lonxe daquel “Mortadelo y Filemón”, cal esperpento ou caricaturización dunha non ignorada miseria e sempre dobre moral da ladroeira institucionalizada polos “señoritos de toda a vida” que fixeron cursos acelerados de democracia e liberdade condicionada para se perpetuaren no Poder que tantos anos compartillaran facéndose pasar por vítimas que aínda non sabe un moi ben de quen, a non ser que non for eles (elas ben pouco pintaban) da súa propia miseria intelectual que só agora algún que outro cronista ad hoc denuncia con maior ou menor acerto, que non fortuna. Abofé que non lles falla nin tampouco lles sobra razón, nin sequera cando negan, xa non os nacionalismos periféricos, senón a mística esencia da Patria que agachan na UE “la unidad de destino en lo universal” do mesmo xeito que Mariano Rajoy proclamou apeduta esoutro día que “España es la nación más antigua de Europa”, tal que mesmo puidese dicir do mundo, e ficar tan apauzugado, posuidor, á fin, da Verdade revelada. Estou por dicir que nin sequera Núñez Feijóo que vén de presentar recurso de casación perante o TS español, polo ben de Galicia e o seu idioma, ousaría tal público aserto, sen consultalo, chegado o caso, co profesor Beramendi, quen esoutro día veu falar da provincia e da nación no Val Miñor, cando a luz oblicua do outono caía enriba dos umeiros, salgueiros e amieiros. Pero o ex rexistrador de inútiles propiedades “púxose estupendo”, dito sexa en coloquial expresión que sempre nos retorna a Valle-Inclán, entre Luces de bohemia, e Tirano Banderas, cos fripóns no baile.

Poderíamos ser, como non! –mais choven deseguido os mesmos paxaros que recordabamos nesoutra columna, e nesta outoniza do San Martiño asomen as castañas e as cuncas de tinto novo nos mostradores das tabernas, cal evocaba na súa conversa comigo Xulio Fontes, pintor e memoria viva do imaxinario mar de Vigo aló nos tempos de Celanova, Ourense e Quintela de Leirado, e non calar o alto do Rodicio, de camiño, tamén, ao crastro de Caldelas, quero dicir Castro Caldelas.

Te puede interesar