Opinión

Trécolas e mandrécolas

Os “liquidadores” ad hoc, representados neste caso por un González-Bueno, cuxo avó, supoño, contribuíra a establecer Citroën en Vigo, multinacional francesa á cal tantos proletarios asilvestrados moito lle deben polo seu altruísmo e excelsa filantropia digo, xunto cun Pablo Castellanos que viña de Inditex pra non dicir ADN de Zara, na miña vella e entrañábel Coruña, unha mercería ou paquetaría aló pola rúa San Andrés, a mesma que rexentaba con exquisito gusto Rosalía Mera, entre pecados e penitencias no cinismo do nacional-catolicismo, cando acontecían no Estado español os derradeiros días de Pompeia, ou se cadra os últimos retratos de posguerra. Pero nada foi tan así, cal se todo evocase a hora derniere que adoitabamos dicir cando a copa que pechaba a noite e abría a melancolía da alba nas estremas das tabernas, un pouco coma no poema de Gil de Biedma, só que sen chulos e sen floristas que levar á boca. Tiñamos que madrugar e non chegar derreados aos neomatadoiros do imperio, aos institutos, ás fábricas universitarias reconstituídas polo fascismo logo do triunfo da infamia, aí onde o capitalismo nunca deixou de proxectar unha sombra miserenta.

Cando Méndez (Caixagalicia) marchou –por así dicilo- e entregou as “honras fúnebres” da cidade para que non lle acontecese o que lle aconteceu a Fernández Gayoso (Caixanova), que tivo que entregar a Medalla de Ouro –pero aínda non o título de Honoris Causa pola Universidade de Vigo, aos ilustres cadáveres que non daban creto a tanta deslealdade e torpeza de porparte daqueles e daquelas que tantos anos viviron á mantenta da bondade do inefábel que entrara na entidade contan, que de botones, entre outros, o inesquecíbel alcalde franquista Portanet, quen tamén fora Delegado do Estado na Zona Franca, entidade societaria autónoma cuxo nome e función arestora ignoro, pero que si sei propietaria dunha parte de Vigo e un anaco dese xénero literario que a burguesía mancomunada deu en chamar “área metropolitana”, coa que parece que non está moi de acordo, entre outros/outras o actual alcalde de Vigo, e abofé que terá as súas razóns sen falla de peso. Poño “punto en boca” da beira do mar, pola que desputan as antigas JOP (hoxe Autoridade Portuaria) e o Concello representado pola socialdemocracia PS-de G, unha sucursal do PSOE en Galicia, como nunca deixou de ser o PP español-galego.

Pero retornemos ao comezo desta columna, e lembremos, que antes e despois do consumatum est, a sorte estaba botada, aínda que no seu día Núñez Feijóo, cando a voda, dixese que era “un día grande para Galicia”.

“Os liquidadores”, “solicitaron perdón polos errores pasados” (12 xullo de 2012) ao tempo que 6.000 millóns de euros máis enriba dos tres ou catro mil que xa entregara o erario público español da UE.

Arestora o enigmático e a un tempo claro FROB, entregou por mil millóns de picacho e pala de euros/ouro a memoria dos beneficios. As perdas a repartir entre a pobreza, o IVE e a desherdanza que solicita esmola ´na porta de calquera fábrica laica ou relixiosa.

O demais serán Ere/s que Eres/s, uns forzados e outros pola necesidade caníbal das máscaras do capital en calquera das súas manifestacións. Eis o paraíso prometido, aínda que De Guindos e Montoro anuncien que á “patria común e indivisible” está a regresar un novo xeito de explotación que eles non deixan de publicitar cal progreso; aquí máis que acolá. Co inverno aínda meniño, xa anuncian a primavera na porta, e os inintelixíbeis recibos da luz e outras bagatelas da vida e a morte. Que manteñan ou non o nome da financeira, fóra sentimentalismo de rebaixas institucionalizadas, é o de menos. O capitalismo non ten patria nin rostro. O corazón é tan só unha metáfora abrupta e ambigua para chegar de aquí a ningures.

Te puede interesar