Opinión

Toda a noite choveron paxaros

O sintagma do enunciado como ben recoñecerán vostedes, non é máis que un título ou parágrafo dun relatorio de García Márquez, agora abatido, segundo alguén dixo, polo alzheimer, un dos males que hoxe afecta cruel a calquera home ou muller, logo de cumpliren oitenta anos, e nalgúns casos moito antes. Outrora dicíaselle, creo eu, “demencia senil”, con perda total ou parcial do valor cognitivo, que nunca cotizou na bolsa burguesa do oprobio e a procaz usura. “Xa chochea”, diciamos do homo extraviado na desmemoria cando se lle arremuiñaba nos miolos o tempo na súa máis ampla acepción. Non lembro se o alínea que traducimos (“toda la noche llovieron pájaros”, corresponde a un dos contos que enxergan Historia de la triste y cándida Eréndira y su abuela desalmada, ou ben El otoño del patriarca, un intento non inútil de retratar con maior ou menor acerto a figura do sátrapa, como antano fixeran Horacio Quiroga, Miguel Ángel Asturias, Roa Bastos, e outros que non fai ao caso citar aquí, sen se esquecer da xenialidade inmorrente de Valle-Inclán, que asoma sempre divino en Tirano Banderas, cruzado de sintaxe e léxico galego que os académicos e lingüistas españois achantaron ata onde foron eles quen de silenciar, agás algúns acertos de Alonso Zamora Vicente, cal que luvas, que el identifica como voz portuguesa; ou lostregar; ornear, garantir, guindar, morna, rufo, rosmar, estaribel, etc. E non fallaban a ningún deles escuras razóns na defensa da súa causa, xa que logo, o arcano castelán devido en español que invocaban e mantían, bebera de todas as linguas que orixinaran o Imperio derrotado logo da tentativa inútil de esnaquizar o xenuíno construído ao longo de tantos séculos e falares da historia. Non hai máis que follear por enriba as páxinas dos papeis escritos no español de Galicia para se decatar ata que punto estarrecedor chegou o uso do castelán, levando ou non de conta a normativa morfolóxico-ortográfica ditada pola RAE, co visto e prace dos seus sabios académicos, digo, onde a calquera “maleza” chaman silvas, sen que o reproche sexa xeral, que sempre botaremos man dun mutatis mutandis que levar á tristeira raia que outrora foi boca devecente e devecida. Quería eu dicir que o Decreto de Normalización Lingüística que nos seus días fora aprobado polo ex ministro de Franco, quen como vostedes saben presidíu un feixe de anos a Comunidade autónoma galega, foi desbotado polo presidente Feijóo e os seus egrexios (non esgrevios) asesores, á procura dun “bilingüismo harmónico”, sempre en ben do galego, que a seguido foi substituído por un trino no que o respectabilísimo inglés tamén forma (e formaba parte) da educación da infancia, pero que no fondo abrupto e avolto non perseguía outra cousa que deixar en coiros o idioma de nós, entregado ao desvarío da torre de Babel, escribo con licencia. Eis que a Academia Galega recorreu aos tribunais contra semellante andrómena, e o Superior de Xustiza autónomo sentenciou con leve rigor e subsecuente bondade para uns e outros; de maneira que o fundamento proseguíu perante o TS de España, quen ben poñer, daquela maneira, o asunto no lugar que lle corresponde, sen deixar de admitir recurso de casación que xa presentaron os avogados ao servizo da Xunta, e todo, insisto, polo ben de Galicia no mundo e no destempo/intempo de Becerreá, Penamaior e A Ponte de Doiras, camiño de Donís, para non irmos aos empardecidos de Pedrafita e O Cebreiro, polo roteiro francés que aínda leva aos peregrinos a Compostela, para lle dar as grazas ao Apóstolo que a mentira institucionaliza fixo chegar alí, moito antes de que o Mestre Mateo erguera o primeiro Pórtico da Gloria. Velaí España e o seu Patrón,

Desculpen, se for necesario, o comezo deste “Mar de Fóra”, que naceu hai un feixe de anos en Fisterra, e foi navegando para botar o rizón aquí. Muito obrigado. Grand merci.

Te puede interesar