Opinión

Tempo de ir e vir

Que é cabo de todo e nada o tempo? Debuxe vostede, muller ou home, unha imaxe que puider intuír e mesmo percibir desa abstracción. Que gran pintor sería quen for de retratar o rostro irrefutábel desa conceptualización! Á luz do día acontécelle o escuro sempre enigmático da noite, que é a ausencia de calquera claridade que nos permita advertir as contornas da paisaxe, entendida ela na dimensión da intelixencia non mecanicista. O primate “asesino” sobarda as coordenadas das definicións obsesivas da burocracia burguesa ao uso, dende moito antes que a obstinación dos burócratas entendera a historia cal unha tenda ou quincalla de fíos, cravos e outras mercadorías que García Márquez debullara en Cien años de soledad, cecais o mesmo que quixo explicar con distinta fortuna Juan Rulfo, en Pedro Páramo. Valle, inmorrente, para esa “especialización” recupera do fondal da memoria o nome de abarrotería (Tirano Banderas) que vén abarrotamento, abarrotar, abarrote, abarrotado, ateigado, ateigamento, ateigar. O desvarío sociolingüístico propiciado polo pseudocolonizador e o tristeiro colonizado emprega o vocábulo mogollón, que é ir de balde, ou pola gheta, amoreando finas e “indelicadas” palabras propias da burguesía depredadora devida da barbarie capitalista, tan aséptica como intemporal. Cando Darwin foi estudar a orixe das especies entre 1831/1836, a bordo do “Beagle”, o primeiro que entendeu, creo eu, foi a dimensión e o decurso da idade, e aínda máis o seu efecto en calquera especie, sen deixar de levar de conta calquera formulación da razón, e non do instinto, unha dualidad que só conflúe no home, e nunca nun gran felino, por moi “listo” e organizado que sexa este nas necesarias cazarías para súa supervivencia. Houbo tigres e leóns nas noites máis escuras da Iberia menos mítica que ás veces vemos representados na ósmose das culturas; e cazadores de oficio, e pegureiros, e labregos apegados tal que lesmias, ás searas e outros vastos terreos suxeitos á liberdade sempre condicionada pola cobiza do mando.

Non é novo o capitalismo e as súas consecuencias, con distintas e non distantes formas e xeitos de gobernanza instituídos polo status quo que tanto loa arestora o ex presidente Felipe González, metido el a deseñador de fina bisutaría e outras bagatelas compartilladas coas súas leccións “ex cátedra”, igual que Aznar, para explicaren os dous a “patria común e indivisible”, e canda ela, o delirio propiciado pola ataraxia mercantil ad hoc, de sociedades anónimas, limitadas, bancos, bulsas e outros vivires menos anónimos do que parece.

Dimite, por ben da (súa) empresa, Fernández de Sousa, e os traballadores “ven positiva a súa dimisión”, para ben de non sei quen, e ogallá que sexan eles.

O Duque de Palma, xenro de El-Rei de España, acusa a seu ex socio, de facer uso indebido e “doloso” das súas mensaxes de amor e guerra, mentres o sogro enxalza a democracia monárquica do rei de Marrocos. Todo é susceptíbel de voda no tempo que somos e vagamente representamos. A conxuga é “perfecta”, pero do quebranto xorden implacábeis as contradicións nos termos, abruptas e sinistras; apodrecidas e amarelecidas como as vellas follas dos almanaques que penduraban nas paredes da adolescencia.

O acelerador de partículas prosegue a súa marcha para sabermos cal foi a orixe do tempo, cando el se iniciou ata chegar a este hoxe que todos aparentamos saber e que entre outras causas incomúns procesan e investigan os xuíces da “feliz” democracia burguesa española, para non irmos máis lonxe de nós.

“Dígalle adeus ás comisións”, aos intereses abusivos, á estafa, ao engano… E logo virán outros que digan o mesmo.

Eis o tempo, despois de todo e nada. “Non hai regreso avoa/ nunca regresa o mesmo home ao mesmo sitio”, escribíu o poeta Antón Avilés de Taramancos.

Te puede interesar