Opinión

TALIDOMIDA

Os máis novos apenas saberán ren dos malos sabores da España feliz dos 60 do século pasado ao cal pertencemos a maior parte dos que somos vivos neste XXI de tantísima felicidade e indubitábel progreso, cando o xeneral Franco veraneaba na graña de Meirás que fora pousadoiro da familia Pardo Bazán, compartillado co predio da rúa Tabernas, onde nas tardes doutras outonizas, a autora de Los pazos de Ulloa, dende o corredor intemporal vía pasar a Rosalía, en soedade ou na compaña de Murguía, cando xa aconteceran os Cantares gallegos e as Follas novas, e como o tempo é unha quimera que vai e vén, aínda digo que El caballero de las botas azules, Lieders e Las literatas, sen prexuízo do que a erudición indique oportuna e afortunadamente. De cómo chegou ao Infame á propiedade do pazo é de sobra coñecido, e non hai dúbida que alí el e os seus ministros pre-asinaran máis dunha pena de morte. Velaí o resultado despois de tantos anos de transición e democracia burguesa. E alá van case cincuenta anos de calquera vida! ?exclamaba apesarado o vello Severiano cando recordaba os anos mozos de Cuba, moito antes de que Fidel Castro entrara na Habana, que por suposto nada ten que ver con esta columna.


Logo de retirar o fármaco na propia Alemaña do seu nacemento, na España inveterada non deixou de se receitar libre e alegremente, cal benzón mitigadora de ansiedades e outras ignoradas tristuras, e tan só uns anos despois, á vista das coincidencias foi desbotada a pílula que non todas as 'españolas' chegaron a inxerir, aínda que en honra á verdade non todas 'malformacións' ?paréceme a min- tivesen a mesma orixe e si semellantes consecuencias, despois de distintos estudos nunca feitos 'aquí', a resulta foi inapelábel: os fillos da Talidomida eran certos, e só aparecían, mutatis mutandis, escenas 'cinexéticas' doutras xeografías que ben pouco tiñan que ver coa brillante organización sanitaria española, 'un modelo no mundo', segundo proclamaba incesante o sistema, con diversos acólitos e outros tantos ministerios. Os creadores de semellante andrómena admitiron o seu 'delito', pero as 'autoridades españolas' torceron o bico, e ollaron para outra banda do Tea, un dicir, e non admitiron a trámite ningunha reclamación posíbel dos prexudicados por Grünenthal.


Eis, que cincuenta anos despois de todo e nada, a xustiza do Imperio reabre a posibilidade de reparar os danos producidos polo fármaco, e entón regresan as imaxes daquela realidade atroz, e non deixa de ser humano cavilar en mínimas reparacións posíbeis, así de por parte do status como do laboratorio que no seu día esparrexeu por occidente a fórmula máxica. De entrada, a multinacional alega que prescribíu o caso.


Un pouco pode ser moito, e ao revés. Pero non estaría nada mal aliviar un anaco a vida dos fillos de tanta infamia que percorreu o edén capitalista en beneficio da ansiedade das nais que agardaban unha crianza e se atoparon cun Prometeo que no seu día xa narrara Ramón Pérez de Ayala, un señorito intelectual ao servizo da República, na compaña de Ortega y Gasset e o médico Gregorio Marañón.


Sen acrimonia, como cando estes días proclamaron os mártires da vella Tarragona catalana, coa aquiescencia e a nobre benzón do Papa Francisco,


Somos todos e todas un anaco da Talidomida, ou alomenos ela é unha parte da nosa historia maldita que é de xustiza reparar.Poida que vostedes non atopen relación algunha entre o primeiro que se escribe e as liñas posteriores, pero moitas das estampas que vexo como consecuencia patética do medicamento lévanme ás Divinas palabras, co retrato que fai Valle-Inclán do Eivadiño. E por certo, digo que a algunha das singraduras de Pérez Galdós, un amor meigo e epistolar da Pardo Bazán, xa que tamén falamos das Torres de Meirás.


Te puede interesar