Opinión

Suma e segue...

No lonxe da memoria o tempo da seitura: o trigo nos breves outeiros, nos planaltos, nas chairas incendiadas pola lembranza. A cidade é un desiderato onde arribaron homes e mulleres á procura de interpretaren uns e outras a teoría banal da inevitabilidade: unha vacuidade promulgada tan procaz como depredadora. Pero tal tese non existe, se non é a ingravidez na que non podemos habitar pola forza do contrario, o que na lingüística lexicográfica é o antónimo. Newton non ficou sorprendido aquela tarde á sombra translúcida da mazaira, imaxinamos que nos últimos días de setembro, cecais cando o San Migueliño das uvas maduras, días últimos da ceifa, ou vendima, cando a folla da vide comeza a adquirir os ocres esvaecidos que evocaban así Tiziano como Tintoretto.

Canta casuística amontoada, como o empírico para nada, como a nevarada do verso en Antonio Gamoneda que esoutra tardiña recordaba o noso amigo Xavier Rodríguez Baixeras, cando o sol declinaba delicado en Vigo, e as femmes en fleurs procuraban necesarias a brisa do mar, agardando a noite, en calquera decúbito posíbel que as devolvese á historia que lles foi arrebatada polos credos e outras ruíns teodiceas. Hauuâh ou Eva/Heva>Zoé, na reflexión, tal vez inútil, das orixes.

Entende o cronista que unha presadiña de literatura poética non lle acae mal a estas xornadas nas que o oprobio capitalista fai visíbeis as grandes estafas da democracia burguesa, onde todo se mestura para explicar a conxectura que enriba denominamos da inevitabilidade, culpando aos homes e non ao sistema de tanto roubo a mansalva perpetrado polos grandes paraísos burgueses, onde o diñeiro, sempre falso, é o único valor de cambio posíbel, imposto a sangue e fogo contra calquera manifestación de liberdade do home que xamais foi creado a semellanza de ningún deus, senón de si mesmo, nun proceso evolutivo explicado por Darwin. Claro que o aparato de xustiza da democracia nacida da “modélica transición española” non pode imputar a ningunha sociedade anónima ou limitada, senón ás persoas que están detrás ou diante delas, sempre con ánimo de lucro, ao abeiro do pútrido casarío que os mantén a conta de se perpetuar na infamia como definición da historia. Xulgar ao homo sapiens de nada serve, se o sistema, insisto, continúa con outras nomenclaturas de alivio e rosa que el mesmo dá ao oprobio, a explotación do ser terriblemente humano que dixo máis alá de todo a poesía que odiaron e odian os contrarrevolucionarios, que fixeron da revolución unha mercadoría á venda nas grandes e mínimas superficies do imperio que sempre referencia Wall Street e os seus socios ao tanto por cento, no que entraron os chineses; a desfeita URSS que agora representa Putin no verán de Moscova, comesto o hidrónimo, o socialismo, ao tempo que a América que evocaba Neruda desperta e fai fronte case común ao asedio diñeirario que alí representa o “tristeiro” Capriles que non para de denunciar a fraude electoral e enxalzar o engano da democracia burguesa, negando a verdade incontestábel dos desherdados, diga o que diga o fascismo internacional agochado na dereita liberal, na social-democracia e outras lilailas que tanto loa o “excomunista” (se cadra) Mario Vargas Llosa, antes e despois de que a Academia Sueca lle concedese o Nobel que un día lle outorgaron ao autor de Cien años de soledad, tan distinto e hoxe escambullado na desmemoria, de retorno a ningures.

Indignación popular contra o ex-ministro social-demócrata español Joaquín Almunia, hoxe comisario na UE que levantaron - loaron os gringos, made in USA; porque á maltratada industria do naval, léase dos estaleiros, obrígalles a devolveren máis de tres mil millóns de euros/ouro nomesados tax-lease, que ningún deus sabe moi ben o seu significado, tan críptico como ladroeiro, entre subvencións e outros enganos ao mundo dos traballadores submetidos a ERE/s e outras inucuas salas de desesperación nas oficinas dos INEM, e aínda os espolios de “demócratas” áulicos ou non, como os que todos vostedes saben, sen que haxa necesidade de citalos nesta crónica.

Así as cousas, resulta menos incerta, a teoría invocada no empezo desta singradura, amarguemente escribo, pero non sen esperanza, da que di a piedade que é o último que se perde. Suma e segue…

Te puede interesar