Opinión

Sol de outono

Ou da outoniza que aínda din aló no Corgo, e un anda na lectura dos poemarios Os ángulos da brasa e Espiral de sombras, de Manuel Álvarez Torneiro e Xavier Seoane, dous amigos de hoxe e sempre, poetas cos que teño camiñado dentro e fóra da nación negada e que resiste na palabra inquebrantábel, puntual por máis que o colonizador varra na outonía, o mesmo varredor que un día evocou o noso caro Manuel Forcadela. Nas arestas o primeiro lembra preciso as marxes do tempo: “Que vella tanta débeda: a pagada co corpo,/todas as rebentadas costuras do desexo./E a cinematográfica mentira./E a estética burguesa en cartón pedra”. E o bo Xavier nas sombras recorrentes das últimas e non definitivas variacións da memoria: “Ninguén recorda as pedras oscilantes/que o sol traía do mar”. Celebramos aos dous nesta columna, e moi en especial a Álvarez Torneiro co que tantas veces das nosas vidas teño coincidido aquí e aló, e sobre todo na Coruña cando o mestre debullaba as súas crónicas literarias no primeiro xornal da cidade do Orzán, cabo da rúa Concepción Arenal, eu creo que cando o dirixía Pedro de Llano, Bocelo, e logo Pillado Ribadulla, que xa non están entre nós dende hai un feixe de outonos. A Manuel, como vostedes saben, veñen de lle conceder o Premio Nacional de Literatura (española) e nós-outros sentímonos na alta alegría por tal recoñecemento á nosa literatura como antano llo deran a Manuel Rivas: Que me queres, amor?, e por aí se empeza se é que queren recoñecer ás outras literaturas dos nacionalismos periféricos, como aínda di insultante o “nacionalismo totalitario español” que non quere aceptar tal condición, e aínda instrumenta: “la unidad sagrada de la Patria”, “unidad de destino en lo universal”, dúas oracións “insubordinadas”. Semella que arestora entenden o que noutros días do século XX non souberon apreciar en Valle-Inclán, cando a RAE negáralle o premio Fastenrath, e precisamente os “especialistas galegos” naquela casa, entre outros o arcebispo Eijo Garay, que tan loado é aquí: Vigo, con casarío e templo nas abas do Castro. Pero cecais é que voan alíxeros outros almanaques da mesma historia que “tan ben atada” deixou Franco, e logo despois reivindicaron as Cortes de seu na luz derrotada de Madrid, proclamando Rei a Juan Carlos, neto de Alfonso XIII.

Outra volta solicito desculpas pola posíbel digresión que cecais poidan advertir nesta singradura, que virá cabo doutras que día a día lemos en calquera páxina das no poucas do Imperio, a propósito da “consulta” en Catalunya, ou se queren Cataluña, para non ferir a subsceptibilidade de ningún cidadán ad hoc adscrito á “diversidade mística” da burguesía que goberna o planeta aquí e alá.

A marca, en calquera caso, ten que ser España, aínda que as brasas de Álvarez Torneiro procedan dunha música tan distinta como distante e necesaria. E se non for así, que sería dos santiños inocentes agardando inutilmente os bárbaros propostos polo poeta Kavafis?

E todo élles así, como son os ERE/s e outros despidos involuntarios provocados polo progreso en beneficio da democracia, cavilando no futuro que vagamente informa o pasado esquecido. Calquera memoria é deliberada, é a maneira rigorosa na que ten sentido o esquezo, o olvido, como dicía Bernardino Graña, entre as atardecidas do Morrazo e as luces de Marinaleda que recreou a Pardo Bazán, enfrontada a Rosalía.

Que ninguén malentenda este sol do enunciado cal ataque ao status e os seus postulantes, nin tampouco como ao español devido do castelán, non ho! Se acaso sabermos certo que alomenos o totalitarismo entende interesadamente o que outrora non quixo entender. A corazón aberto, máis alá dos versos do poeta español León Felipe, a propósito de Miguel de Cervantes. As miñas laicas benzóns, e fondísimas apertas para o amigo Manuel Álvarez Torneiro: Os ángulos da brasa.

Te puede interesar