Opinión

Setembro sempre anunciado

En distintas estampas mon amour, amoréase a morte nas searas da vida que cabo de todo non son outra cousa que a memoria, pero hai que vivir e anobelar o tempo que tecía Penélope agardando polo heroe na illa que o poeta Kavafis describíu nun dos máis fermosos poemas que o cronista recorda: Ítaca. Moitos dos autores que me honraron e me honran coa súa amizade escribiron cancións semellantes; ora inspirados no grego cal patria do corazón; ben nos empardecidos ausentes de Alexandría, cando o solpor anegaba os patios interiores da historia incomún da humanidade, e o adolescente, no lubre nutricio coleccionaba cromos de aquí e aló, impostos e divulgados pola asepsia da colonización reaccionaria que negaba ao proletariado in nomine dun deus inexistente, para lle chamar produtor, agachando o oprobio, a explotación burguesa que antano denunciara Marx.

Quen non ha recordar “Animales de todo el mundo” e aquela outra guerra na canle de Suez alimentada polo Reino Unido e Francia cando logo de El-Rei Faruk chegou Gamal Abdel Naser ao poder sentimental dunha república árabe unida (RAU), tantas veces invocada no No-Do franquista da infancia arrebatada nos días fríos e grises do “Gran Teatro” na rúa “General Mola”? O cativo, entón, lía Marcelino pan y vino sen entender nada, e vía cabo dos camiños de ferro aquelas “vagonetas” que sobardaban mineral cara un algures ignorado, e na estación do mediodía, ai! estomballados entre as lousas, homes e mulleres cos puchos nas mans feridas polos invernos, para iren á seitura nas chairas inmensas da incomún Castela que tanta dor produciran na poeta de Padrón. Esquézome das fouces; dos gataños? Abofé que non, aínda que o aragonés-español Buñuel os retratase nos seus filmes dos que tanto gustou a progresía mística, sub-recatada e cínica.

O descrito non son máis que anacos da memoria, para entrarmos na insublimación da materia, despois de tantos anos da morte do Infame, que deixou “todo atado”, segundo el mesmo manifestou nas horas serodias, aínda que tal non saiban a maioría dos españois que viven ou malviven do último invento que non é outro misterio divino que a “marca España” que alén-mar foron promocionar e solicitar para o ano 2020 o príncipe das Asturias e a alcaldesa de Madrid, sete anos antes de calquera outra “guerra civilizada” que aconteza no mundo. Son as avinzas do capitalismo, o fume de pallas que acaso serva para escorrentar a miseria en calquera das súas manifestacións ad hoc.

Retorna o agardado á íntima xeografía, como se dixo no comezo desta travesía. Madurece a uva no bacelo, e a figueira de abril procura inútil a loucura que outrora foi a vida. Entramos no ”Queixo Pan e Viño”, grafado así, a carón do “Volter” onde ensarillaba historias filofascistas Vicente Risco. Cara a capeliña de San Roque, principio ou final da ponte das Burgas, segundo se vexa, un inocente pasea co can do santo.

Damasco, para máis alá das mil e unha noites ignoradas agarda as bombas liberadoras, arestora que o agosto da usura internacional comeza en setembro, un meniño xa entre nós, de trinta días e máis nada, para o gozo duns e a nostalxia doutros.

Ítaca, dixen: “Que máis pode ofrecerche?”, preguntaba o poeta na fin insegura da viaxe.

Te puede interesar