Opinión

Santos e defuntos

O segundo termo do enunciado é categórico para a consideración do primeiro. En vida, e segundo rezan as leis divinas do catolicismo romano ningún home nin outra muller pode acadar tal conditio que así proclaman no seo da orbe teodicea que entende o cristianismo fundado por Pedro (Betsaida, 19 a. C.), que antano era Simón de Cefas, quen chegara a Roma no ano 42, logo da tortura e morte de Cristo, para pór o alicerce da igrexa que resiste con non poucos cambios e outras sutiles mudanzas cheas de rangos e diversas interpretacións que en calquera caso sempre levou os ilotas (de si) ao mesmo camiño, para mantérense eles vivos e incertos no abstruso mundo da fe e outros milagres, á procura da felicidade prometida, negando a física e aínda a química só posíbel pola existenza da primeira, aínda que a fidelidade mova montes e moreas, e ás veces, a alucinación mística faga gromar o asombro, a marabilla nas debandoiras ou sarillos dos muíños de vento, como lle acontecera a Don Quixote, cativo da súa loucura, por máis que a necidade do escudeiro Sancho tentase retornalo á crúa realidade que el sabía certa, malia a ignorancia na que o doncel fora instruído, entre escasos conchos e excesivo ruído, lembrado aquí un título do dramaturgo inglés Shakespeare, máis ou menos contemporáneo de Miguel de Cervantes Saavedra, cuxas orixes apuntan sempre a nación galega, aínda que a nacencia estea acreditada na chaira tristeira de Alcalá de Henares, ben lonxe da xeografía dos seus devanceiros.

Pois ben: deixemos que a auga retorne ao arcano rego, non sen antes indicar que o vello pescador e primeiro pontífice chegara onde arestora goberna o arxentino Francisco, na compaña da súa muller Concordia, e unha filla: Petronila, cando Claudio era rei romano, e no ano 67 foi mandado crucificar polo entón emperador Nerón. E canda Simón ou Pedro, seica foi degolado Paulo, outro santo que leva de conta o Estado Vaticano, aos que hai que engadir esa multitude de mulleres e homes que o catolicismo elevou á Gloria de Bernini, en procesos pechos ou abertos á obra, vida e prodixios que viñan “ratificar” a calidade de tal categoría celeste, do mesmo xeito que houbo (e hai) anxos, arcanxos, querubíns, sefaríns, tronos e outras glorias menores e maiores, cales son os mártires, beatos, e outras distincións que non esmorecen nin aquí nin en xalundes, por máis que o status quo proclame na súa epístola constitucional a súa aconfesionalidade, para non lle chamar laicismo, aínda que uns e outras se pronuncien agnósticos, que non deixa de ser unha maneira de nadar e achantar a roupa, termo que outrora recuperara Tierno Galván para a democracia burguesa española, para xustificar o seu marxismo “de cafetaría” co que moitos enchen a boca en representación de públicas institucións comunais coas que nada ten que ver calisquer manifestación da fe mística.

Recordar os seres queridos, e pórlles unha data de celebramento, cecais sexa algo máis que unha obriga entre nós, todos e ninguén.

Hoxe, sábado de outono, é día de Defuntos, como onte foi de Santos, onde outros anos un acontecía polo mediodía gris e sentimental de Monterroso, por ver os cabalos, e de seguido picar o polbo, para logo xantar na alta hora de Lalín, e procurar uns lirios silvestres para lle levar a nai ausente aló na necrópole das Arieiras, que veu substituír ao intempo de Fingoi, case cabo do Parque que evoca a Rosalía de Castro.

“Levarlle flores e mentiras aos mortos”, contaba a poeta. Marcel Proust, en Les Plaisirs et les Jours, recorda que os antigos gregos “Levábanlle aos seus mortos doces, leite e viño”. Eis, xa que logo, a nosa canción, coa ledicia de ver chegar a este mundo á meniña Chantal, que sei que algún día lerá esta crónica, nun alustre do almanaque.

Te puede interesar