Opinión

Salaios de España

O tempo é,cabo de todo, unha quimera. Van alá setenta e catro anos que rematou “vitoriosa” a sublevación fascista que empoleirou ao Infame arredor de cincuenta anos no poder omnímodo, e xa non fica en pé, cecais, ningún home nin muller que vivise os escenarios patéticos da carnizaría practicada sistematicamente por aqueles que se adscribiron ao mal chamado bando nacional. Xa non sei de ninguén que estivese naquelas xeografías onde o terror pulaba polas contornas e distintos epicentros da España esfiañada e patética, perversa e ruín. Hai que esquecer o pasado, proclamou o cinismo internacional aló onde lle foi posíbel, como se o esquezo, sen máis, for condición sine qua non do ser humano (muller ou home) suxeito as leis inexorabeis da física que precede a calquera formulación química. A lixivia non fai desaparecer a pegada do crime, grazas á evidencia indelébel do luminosol, non aplicábel en tóda-las investigacións, como ben sabe a “policía científica” do estado. Entón, esquecer sen máis, constitúe un suicidio social. Calquera de nós, malia que nos pese, somos moito máis pasado que presente, que só representamos os días a vivir e tantas veces hipotecar a vida en antollos da banalidade e outras vacuidades da indiferenza, que os logreiros e demais asimilados nomea futuro, sen saber moi ben a que tempo se referen. E todo está calculado polos grandes laboratorios do posibilismo burgués, cal home igual a máquina, que ten un período de uso e vixencia, en subordinacións máis/menos normais, en función das xeografías que habite e logo condicionen a existencia do homo entre vodas, bautizos, banquetes, saraos, simulacros e estafas instituídas polo imperio da usura sen fronteiras que non é outra cousa que o capitalismo que ninguén ousa tan sequera reformar, senón facer pequenas reparacións domésticas para perpetuarse en si mesmo: explotación e expolio do individúo alá onde a ladroeira albisque as mil nomenclaturas do ouro, todo representado pola democracia que calquera de vostedes ben pode denominar ao seu gusto e goberno. Un home: un voto. Que gran achádego o mundo! escribo recordando un verso do poeta español Pedro Salinas, non lembro ben en que proposta da súa poética, sen a máis mínima intención que puro exercicio da memoria na coincidencia ad hoc.

E no trebón do olvido involuntario aconteceu o universo que xa estaba aí, de casas baratas e fincas rústicas, que logo da morte do “Caudillo” e despois da “bendita Transición” da que colleu o “testigo” a social-democracia de Felipe González, de ghanchete con outros que non eran dese signo, os salaios españois, coas súas comunidades autónomas e municipais, entraron na Europa cal Gary Cooper armado no ceo de Veracruz, con Sara Montiel facendo de nativa cimarrona, tristeira apache entre toda caste de gringos, whisky, pólvora e outras magnolias murchas na desmemoria bébeda de Hollywood, panteón da mentira.

As caixas de aforros, montes de piedade e as diferentes e non distintas casas usurarias fixeron o resto, o refugallo. Os empresarios laboraban días e noites sen o seu impropio ánimo de lucro, unha contradicción nos termos do sistema capitalista.

O que falta élles de sobra coñecido para que poñamos nesta crónica literaria os nomes das sociedades anónimas, limitadas ou familiares. Ainda hai mortos nas gabias de Luís Pimentel. Mulleres en flor xa defuntas, outrora violadas pola obscenidade burguesa e os seus caporais.

Sobre os ermos e os entullos medrou a desvergoña, fundáronse universidades, así públicas como privadas. Choveron tristeiros créditos hipotecarios a máis de corenta anos á vista do malvís que cantaba solitario na torre medieval de Taboada.

Velaí o resultado do esquezo, aquelas palabras do sátrapa: “Todo queda atado y bien atado”.

Polo bosque do Pardo aínda pasan cal luceiros fuxidíos a silueta dos cervos de morte feridos polas espingardas de oficio e duro beneficio. E o pobo, os asalariados de calquera condición e emprego, entre ERE/s e outros sinistros inventos da Bolsa e a Vida, en mans dos liquidadores que representa en Europa o ex ministro “socialista”, sindicalista de “primeira hora” na democracia española.

Te puede interesar